Sogama e o Concello inician negociacións para chegar a un acordo extraxudicial pola débeda
Por Alejandro Espiño
Unha reunión "positiva" que serve para abrir "canles de diálogo" e solucionar un conflito que se remonta ata o ano 1999. ÿ o resumo que fan tanto dende o Concello de Pontevedra como dende Sogama do encontro que, a petición do presidente deste organismo ambiental, se celebrou este martes entre o propio Javier Domínguez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Nesta primeira toma de contacto entre Pontevedra e o novo presidente de Sogama, ambas as dúas partes acordaron abrir unha mesa de negociación técnica "para ir analizando situación", segundo avanzou o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Nela preténdese ir logrando "puntos de encontro" e intentar chegar a un acordo extraxudicial por unha débeda que a sociedade ambiental cifra en 4,7 millóns de euros.
Raimundo González recordou que hai abertos procesos xudiciais na vía do contencioso-administrativo, no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mesmo no Tribunal Constitucional. De aí que insista en que a solución a este conflito debe pasar, inescusablemente, por unha "transacción" por ambas as dúas partes. O Concello está disposto a ceder sempre e cando, dixo, o futuro acordo "beneficie os intereses dos cidadáns de Pontevedra".
Neste sentido, Javier Domínguez asegurou que quere "tender a man" ao Concello de Pontevedra e ao resto dos concellos -un total de 17- que manteñen unha débeda avultada con Sogama polo tratamento dos seus residuos. Recoñece que a solución para por "ceder ás dúas partes", aínda que afirmou que o caso de Pontevedra é complexo porque hai "diferentes interpretacións" do contrato.
A pesar diso, o presidente de Sogama mostrouse optimista sobre a posibilidade de entendemento con Pontevedra. "Vamos a seguir traballando para alcanzar un acordo extraxudicial que nos permita normalizar as nosas diferenzas", sinalou. Nun prazo de quince días, avanzou, reuniranse os técnicos municipais e representantes de Sogama para comezar a estudar posibles saídas ao conflito.
Javier Domínguez reiterou que A Canicouva non acollerá a "Sogama do sur", xa que reiterou que esta opción está "totalmente descartada"
PLANTA DE COMPOSTAXE
A planta de compostaxe que se pretende construír na Canicouva tamén foi analizada no seo desta reunión. Javier Domínguez non quixo entrar a valorar o proxecto pontevedrés, pero si destacou que non sería competencia para a sociedade que el preside. De feito, recordou que a Xunta prevé oito plantas deste tipo en Galicia e unha delas construirase en Cerceda, onde Sogama pretende ampliar as súas instalacións.
Serían plantas "compatibles totalmente", segundo o presidente da sociedade ambiental, que reiterou que en todo caso A Canicouva non acollerá a "Sogama do sur", xa que reiterou que esta opción está "totalmente descartada". De feito, Sogama aceptará recibir, segundo o Concello, todos os residuos que non poidan ser aproveitados para fabricar o compost nas instalacións pontevedresas.
Relacionadas:
-
O PP reclamará ao Goberno local os datos sobre a cantidade total da débeda acumulada con Sogama
Por Redacción |
-
O PSOE pide unha Xunta de Voceiros urxente para recibir explicacións sobre a débeda de Sogama
Por Redacción |
-
O Concello descarta "absolutamente" subir o recibo do lixo pola sentenza de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
O Constitucional falla a favor de Sogama no seu conflito con Pontevedra e o Concello cualifica de "lamentable" a decisión
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O PSOE teme un pacto entre o BNG e o PP para montar a planta de compostaxe tras as eleccións
Por Cristina Saiz & Elsa Juliá Sánchez |
-
O Concello presenta un recurso contra as novas condicións de adhesión a Sogama
Por Redacción |
-
Nomean o pontevedrés Javier Domínguez novo presidente de Sogama
Por Redacción |
-
Pontevedra non baixará o recibo da recollida de lixo, a pesar da rebaixa do canon de Sogama
Por Redacción |