O PSOE pide aos veciños de Ponte Caldelas que loiten contra a "tramitación franquista" dun crematorio
Por Redacción
O PSdeG-PSOE de Ponte Caldelas fai un chamamento aos veciños para que se mobilicen e loiten en defensa do municipio ante o proxecto para construír un crematorio no parque empresarial da Reigosa. A actuación xa ten licenza municipal, pero o voceiro socialista, Andrés Díaz, asegura que existen opcións para parala.
Andrés Díaz cualifica de "vergonzosa" e "franquista" a tramitación do Goberno local para a concesión da licenza, pois fíxose "ocultando e mentindo aos veciños". Ademais, sospeita que o alcalde, Perfecto Rodríguez, poida ter algún interese no proxecto, pois "é coñecida por todos a boa relación e sintonía co empresario Juan Perdiz". O aludido é o propietario da funeraria San Marcos, impulsora do crematorio.
A xuízo do voceiro socialista, o alcalde "prioriza os intereses dun empresario aos dos seus veciños". Critica que a Perfecto Rodríguez só lle preocupa o posible prexuízo electoral e non os intereses e a saúde dos veciños, pois, despois de "enganar ao pobo", agora convocou unha reunión cos veciños para "meterlles medo" e intentar que non acudan á concentración convocada para este xoves ante o Concello coincidindo coa celebración do pleno municipal.
Andrés Díaz tamén se refire á polémica xurdida en Pontevedra en relación co proxecto para instalar un crematorio no ámbito do cemiterio de San Amaro e sinala que, a diferenza que existe entre a tramitación das licenzas en ambas as dúas localidades é que "na capital se levou a Pleno e se fixo todo publicamente con luz e taquígrafos" mentres que en Ponte Caldelas se tramitou "ás agachadas e pola porta de atrás".
O grupo municipal do BNG tamén se suma ás críticas e pregunta que pretendía o alcalde ocultándolle aos veciños que había desde maio de 2014 unha petición para a instalación do crematorio. "Estaría agardando a que se retrasasen os permisos da Xunta coa esperanza de que estes chegasen despois das eleccións municipais, amosando así que a súa preocupación non son os veciños, senón o custe electoral que lle podería carrexar a concesión desa licenza?", preguntan os nacionalistas, que tamén cuestionan a "actitude irresponsable" do PSOE.
Relacionadas:
-
A imaxe repítese: segundo sábado de protestas contra o crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
Os veciños maniféstanse para amosar o seu rexeitamento ao crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
A Reigosa prepara mobilizacións e denuncias contra a instalación do crematorio
Por Oskar Viéitez |
-
Perfecto Rodríguez convoca ós veciños para informar do crematorio da Reigosa
Por Oskar Viéitez |
-
A Reigosa aproba mobilizacións contra a instalación dun crematorio no polígono
Por Redacción |
-
O PSOE de Ponte Caldelas critica o "ocultismo" do goberno local por aprobar un crematorio na Reigosa
Por Oskar Viéitez |