O xuíz solicita un exame psiquiátrico do acusado de ordenar ao seu pitbull que atacase un veciño
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño de Porriño Crisanto R.R. será sometido a un exame médico para determinar se presenta algún tipo de patoloxía psiquiátrica que puidese influír no contido da súa declaración cando fale na Audiencia de Pontevedra sobre unha actuación do mes de decembro de 2012 que o levou ante o xuíz: agredir o seu veciño e ordenar ao seu pitbull que o atacase.
Crisanto R.R. sentou este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un delito de lesións con deformidade e unha falta contra os intereses xerais e asegurou que non se declaraba culpable dos feitos, pero si o acusan o fiscal e a acusación particular que exerce a súa vítima. Como parte da súa estratexia de defensa, a avogada do procesado alegou que non se atopaba en condicións para declarar e requiriu que se lle faga un exame médico.
Tras un receso para deliberar, o presidente da Sección Segunda da Audiencia, o maxistrado José Juan Barreiro Prado, decidiu suspender a vista para que Crisanto R.R. sexa recoñecido por un médico forense. A decisión contradí o parecer da fiscal do caso, Ana Rivas, que recorda que o acusado non ten antecedentes de psiquiatría.
A acusación da Fiscalía mantén que sobre as 19.15 horas do 20 de decembro de 2012 o acusado paseaba pola rúa Tarela de Porriño ao seu can de raza pitbull sen correa nin bozo, de maneira que o animal podería atacar calquera persoa ou causar calquera dano. Ao chegar ao seu portal, discutiu cun veciño e, con ánimo de atentar contra a súa integridade física, ordenou ao seu can que o atacase, respondendo este mordendo a perneira do pantalón. A maiores, Crisanto R.R. presuntamente golpeou o seu veciño cos puños e cun paraugas causándolle danos en catro dentes -dous perdeunos- e erosións na cabeza.
O xuízo retomarase nunha data aínda sen fixar á espera de que se realice o citado exame forense. O fiscal pide para o acusado unha condena a cinco anos de prisión, o pagamento dunha multa de 36 euros (30 días cunha cota diaria de 12 euros) e que indemnice o seu veciño e presunta vítima con 6.500 euros.