Reclaman a creación dun museo que xunte en Galicia toda a obra plástica de Castelao
Galicia ten dereito a coñecer a Castelao e, nestes momentos, facelo antóllase unha cuestión complicada. Baixo esa premisa, a asociación cultural Maio Longo, a CIG Ensino e a Federación de Asociacións Culturais Galegas GZ Cultura veñen de presentar en Pontevedra unha iniciativa lexislativa popular que pretenden presentar no Parlamento galego. Con ela, buscan reivindicar a figura deste artista, escritor e político galeguista.
Segundo estes colectivos, actualmente hai obra deste autor "dispersa e perdida" que habería que recuperar, traballos que se atopan en almacéns e en mans de particulares que pretenden rescatar e expoñer ou pezas que estando en lugares públicos e museos "non son o suficientemente promocionados cun programa de visitas axeitado para achegar dita obra ao ensino e ao público en xeral".
Neste sentido, esta iniciativa pide que a Xunta de Galicia cree un museo "de dimensións apropiadas e características adecuadas" no que se expoña toda a obra plástica de Castelao, de forma que poida ser contemplada na súa totalidade "como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galicia".
Para chegar a iso, os solicitantes demandan que o goberno galego catalogue toda a obra do artista, independentemente de que pertenza a fondos públicos ou privados, e adopte os convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades que posúen obras de Castelao. Ademais, reclaman que a Xunta emprenda as xestións para a adquisición ou cesión do cadro A derradeira lección do mestre e se traslade desde Bos Aires a Galicia.
Estas tres asociacións ven tamén un déficit no coñecemento da importancia da figura do artista de Rianxo e por iso apostan porque a Xunta introduza de forma transversal a obra de Castelao no sistema educativo galego, que asuma o compromiso de espallala a través dos medios públicos ou que se facilite o acceso público e aberto a través da Internet mediante a dixitalización de toda a súa obra.
A presentación desta iniciativa lexislativa popular na Casa das Campás contou coa intervención do historiador e profesor de ensino secundario, Xoán Carlos Garrido Couceiro, así como a reprodución dun filme sobre o pensamento de Castelao, Estrela na alba, e unha gravación recentemente recuperada do último discurso de Otero Pedrayo con motivo dunha homenaxe a Castelao.