Silvia García, antiga alumna da facultade, nova decana de Belas Artes
Por Redacción
Belas Artes contará por primeira vez na súa historia cunha muller á fronte da facultade. A profesora Silvia García resultou elixida como nova decana tras recibir o apoio de preto do 90% dos asistentes á Xunta de Facultade convocada este luns 16. 35 votos a favor, tres en contra e unha abstención convértena na nova decana substituíndo a Juan Carlos Meana, que prorrogara o seu mandato.
Silvia García exerceu durante os últimos anos como vicedecana de Cultura e Relacións Institucionais, foi alumna da segunda promoción desta facultade na que traballa como profesora contratada doutora dende 2002 e a súa candidatura foi a única que prsentó a este proceso electoral no que votaron 63 representantes do profesorado, PAS e alumnos.
Marcos Dopico exercerá como vicedecano de Imaxe e Calidade; Susana Cendán será responsable de Organización Académica e Relacións Institucionais; Carlos Tejo, vicedecano de Relacións Internacionais e Ana María Suárez ocupará o cargo de secretaria académica. Todos eles completan o novo equipo que dirixirá Belas Artes.
25 ANIVERSARIO
Silvia García toma posesión do cargo cando a facultade cumpre 25 anos e entre os seus proxectos quere poñer en marcha unha exposición itinerante que leve por título 'Unha facultade na maleta' para que o centro se poida coñecer máis alá do contorno máis próximo.
Por outra parte, a nova decana quere promover a creación dunha asociación de graduados e busca que toda a comunidade universitaria da facultade se manteña en continua comunicación.