Fiscalía pide cinco anos de cárcere a un home por agredir o seu veciño e ordenar ao seu pitbull que o ataque
Por Redacción
Crisanto R.R., español, maior de idade e con antecedentes como autor dun delito de maltrato habitual sentarase este martes 17 no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra para ser xulgado por dous delitos de lesións (con deformidade e con instrumento perigoso) e falta contra os intereses xerais.
Segundo a Fiscalía, este home ordenou ao seu can, de raza pitbull, a quen paseaba sen correa nin bozo, que atacase un home co que estaba a discutir. O acusado teríalle dado tamén puñazos ao seu veciño e golpeouno cun paraugas.
Os feitos ocorreron o 20 de decembro de 2012, sobre as 19:15 horas na rúa Tarela da localidade do Porriño.
Como consecuencia dos golpes do dono e as trabadas do can, o agredido sufriu lesións consistentes na fractura de varias pezas dentais e erosións na cara.
A Fiscalía pide para o acusado cinco anos de prisión polas lesións e unha multa de 30 días a razón de 12 euros diarios (360 euros), e que se fixe unha indemnización para o agredido de 6.500 euros polas feridas e secuelas do ataque.