Revisan o estado dos desaugadoiros de pluviais da cidade para evitar atoamentos e inundacións
Por Alejandro Espiño
Técnicos da empresa Viaqua estiveron a realizar nas últimas semanas labores de limpeza nos 8.520 embornais -desaugadoiros de pluviais- que hai na cidade de Pontevedra. O obxectivo destes traballos é retirar todos os materiais que poden provocar atoamentos nestes sumidoiros e, como consecuencia, que a auga de chuvia provoque que o sistema desborde e se produzan inundacións.
Segundo indicou o concelleiro responsable do Ciclo de Auga, Raimundo González, esta actuación é habitual durante as estacións de outono e inverno. Mantense así a capacidade de evacuación de auga dos colectores que hai na cidade.
Estes traballos desempéñanos dúas persoas que van cumprindo unha ruta programa e rexistran todos os datos para ter constancia en que zonas adoita haber máis problemas.
Os dous operarios céntranse en retirar todos os elementos que son arrastrados pola auga cara a estes embornais: follas, papeis, terra, area ou pedras; para que non haxa problemas de atoamentos e a auga non invada a vía pública.
En total, fixéronse 10.526 revisións ata a data, o que implica que moitos deles tiveron que ser limpados en varias ocasións.
NOVOS CONTADORES
Raimundo González tamén avanzou que nuns días comezará unha campaña informativa a todos os subscritores de Viaqua en Pontevedra para comunicar a dispoñibilidade de novos contadores. Trátase duns dispositivos que permitirán a telelectura, é dicir, medir os consumos a distancia grazas a unha antena e vía radio, o que fará que o persoal da empresa non teña que acudir ás vivendas para realizar estas medicións.
Estes aparatos realizan catro lecturas cada hora e envía os datos á sede central de Viaqua, o que permitirá controlar o consumo por franxas horarias e detectar con maior facilidade fugas na subministración ou consumos anómalos. Todo iso, segundo o edil do BNG, axudará a que os clientes da compañía teñan un consumo "máis axustado".
Aos novos subscritores de Viaqua xa se lles están a instalar estes contadores, mentres que os que xa o sexan poderán cambialos de forma voluntaria, logo de pagamento duns "60 ou 70 euros". O cambio beneficia, sobre todo, a aquelas persoas que teñan os contadores no interior das súas vivendas, xa que non terán que estar pendentes de que veñan ás súas casas a facer as lecturas periódicas ou se lles estime o consumo que realicen por non as poder realizar.