A Asociación O Torreiro cobre as principais demandas do comedor de San Francisco: aceite e embutidos
Por Redacción
A Asociación Cultural O Torreiro da parroquia de Forzáns (Ponte Caldelas) cubriu algunhas das necesidades básicas que se rexistran no comedor social do convento de San Francisco. Durante este luns 16, cinco integrantes do colectivo veciñal entregaron 3.000 quilos de alimentos entre os que primaban aceite e embutidos.
Antón Xil, voceiro desta agrupación, afirma que "moitos poucos fan un moito" facendo referencia ao traballo que levan desenvolvendo dende o Nadal para recoller os alimentos entre veciños das parroquias da zona, non só de Ponte Caldelas senón tamén de Fornelos e A Lama. Nesta ocasión, dende O Torreiro tamén se solicitaron donativos para comprar algúns dos alimentos que se demandan dende o comedor.
O Padre Gonzalo Diéguez, responsable da xestión das comidas, apunta que "nosotros pedimos carne, pollo y todos esos productos pra hacer bocadillos. Lo demás siempre viene bien pero es lo más habitual porque la gente va al supermercado y resulta más fácil traer un quilo de algo", desta forma refírese aos legumes e á pasta, mirando cara aos estantes nos que centos de bolsas esperan para ser baleiradas nalgunha das potas da cociña.
As achegas veciñais para a compra dos produtos máis demandados resultou moi satisfactoria, segundo sinala Antón Xil, ao tratarse de axudas de "xente moi maior que depende dunha pensión. Os que menos teñen son vos que máis dan".
Os embutidos, indica o Prior de San Francisco, son para realizar bocadillos para as tardes. Todos os días, ao redor de 120 bocatas saen do comedor con rebandas de queixo, salchichón, chourizo ou xamón york. Os usuarios deste espazo lévanse o avituallamento tras realizar a comida do mediodía: "Hoy el menú consiste en patata con verdura, huevo y chorizo. Y de primero tienen potaje. Se les da también un café con leche. Y tienen galletas y mucha bollería".
Os alimentos proceden de xente particular que leva algún produto a diario para axudar, dos donativos no cepillo da Igrexa, de empresas como Elnosa e de asociacións como O Torreiro, o único colectivo que sempre realiza unha achega anual. En canto ás institucións, Gonzalo Diéguez lamenta que só o Concello de Pontevedra lles concede 12.000 euros ao ano, as demais administracións públicas non realizan axudas ao comedor.
Tres persoas contratadas realizan os principais labores para a preparación das comidas e preto dunha vintena de voluntarios que cada día se achegan ao comedor son os que se encargan de atender aos usuarios que acoden ata San Francisco. Son moitos aos que cada día hai que dar de comer en apenas 45 minutos, polo que a axuda dos voluntarios é fundamental á hora de poder levar a cabo o servizo de comidas.
Aqueles que se achegan ao comedor conforman un grupo grande e variado de persoas. O Padre Gonzalo Diéguez, que leva 8 anos como administrador do comedor social, conta que a gran maioría dos que van comer o fan todos os días dende que o está aí. O resto son transeúntes que veñen e van. Admítese a todo aquel que se achegue ao comedor, "no se mira si realmente tienen o no para comer en sus casas".
Aínda que este luns se cubriron moitas das carencias de alimentos que tiña o comedor con esta achega da asociación O Torreiro, as necesidades seguen crecendo, xa que cada día se baleiran un pouco os estantes e as caixas de provisións do almacén dos franciscanos. Pero a gran solidariedade que hai en Pontevedra, e de todos os colectivos que colaboran, conseguen que sempre haxa alimentos cos que preparar un bo prato de garavanzos para todos aqueles que o necesiten.