Cotobade estrea praza municipal tras investir 46.000 euros na súa rehabilitación
Por Redacción
A praza municipal de Cotobade estrea nova imaxe. Despois dunha profunda remodelación, as obras xa están finalizadas. Así o comprobaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela. Nelas investíronse 46.400 euros e estaban financiadas na súa maior parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
En concreto, mellorouse a praza municipal, situada na parroquia de Carballedo, levando a cabo o levantamento de solada de beirarrúas de baldosa hidráulica e demolendo o pavimento de formigón. Retiráronse tamén os bordos e o empedrado anterior, desmontáronse as luminarias e os vellos bancos de madeira e desmontouse a balaustrada de pedra situada preto da casa consistorial.
Así, leváronse a cabo movementos de terra e contención da mesma e se instalaron novos pavimentos con pedra de granito, lastras, chanzos e bordos, así como unha escaleira e unha rampla para garantir a accesibilidade. Tamén se mellorou a iluminación da zona e se instalaron novos elementos de mobiliario urbano e unha varanda metálica.
Jorge Cubela destacou a importancia deste proxecto, xa que afirmou que "co arranxo desta praza poñemos en marcha un proxecto de reforma urbana que ten coma obxectivo potenciar a capitalidade de Cotobade e o seu entorno". Ademais, destacou que "por un lado demos emprego a traballadores do municipio para a realización da obra e por outro, demos un evidente pulo tamén a toda a zona entorno a casa consistorial".