Mosquera a Moreira: "Fáltanlle moitos fervores para actuar política e públicamente"
Por Alejandro Espiño
Non houbo sorpresas no Pleno municipal. Volvía debaterse o tema das dedicacións exclusivas, o asunto que en setembro dividira ao grupo municipal do PP. Pero nesta ocasión, ninguén rompeu a disciplina de voto. O Concello de Pontevedra personarase no recurso xudicial presentado por Jacobo Moreira para recuperar nos tribunais os soldos dos seus concelleiros. Votaron a favor BNG e PSdeG-PSOE. Os once edís populares abstivéronse.
Uns e outros mantiveron os seus argumentos. Desde as filas nacionalistas, César Mosquera ofreceu ao Partido Popular recuperar o acordo que rompeu en xullo. Con el, os catorce concelleiros do bipartito tiñan dedicación exclusiva, do mesmo xeito que tres dos edís do PP. "Isto hai que resolvelo como hai que resolvelo, con diálogo. As portas están abertas", dixo o voceiro do BNG.
Mosquera recordou, iso si, que este pacto de gobernabilidade foi roto polos populares "cousa sorprendente e esotérica", ironizou, ao apuntar que era o PP "quen saía máis beneficiado deste acordo". Pero sobre todo, lamentou que a vida política municipal regrese aos xulgados. "Non sabemos o que pretende, non ten ningún sentido que monte esta guerra".
Neste mesmo sentido, o socialista Agustín Fernández asegurou que recorrer xudicialmente un acordo plenario "para que lle dean a razón", non é a forma "máis adecuada" de solucionar cuestións políticas. O edil do PSOE díxolle a Moreira que "debería ter unha actitude máis positiva", xa que cualificou o recurso xudicial como unha forma de "encubrir certa incapacidade e transmitir un liderado que parece que non ten".
Pero o PP mantívose na súa posición "por ética política". Jacobo Moreira, que presentou o recurso a título persoal, afirmou que "non é nada excepcional e estou no meu dereito". Dixo facelo ante a "chantaxe e extorsión" do goberno municipal co tema das dedicacións exclusivas, culpando especificamente ao alcalde, Miguel Fernández Lores, do que dixo que "está moi cómodo xogando no barro político".
O voceiro popular criticou que o bipartito "non recapacite" e acusoulles de "castigar á oposición para dificultar que faga o seu labor". E neste punto, en clara alusión á división interna nas filas do PP, mandou un aviso ao goberno local, ao que acusou de "enmerdar". Moreira dixo que "a pesar dous seus esforzos non conseguiron que deixemos de traballar, e iso lles doe".
Foi entón cando César Mosquera retomou a palabra. Visiblemente enfadado, díxolle a Jacobo Moreira que "fáltalle moitos fervores para actuar política e publicamente e non temos grandes esperanzas de que se lle cure". Pero tras asegurar que "non ten ningunha altura de miras", reiterou a oferta do bipartito. "Retire o recurso e sentemos a negociar". A resposta foi clara. O PP abstívose e a demanda xudicial seguirá o seu curso.