Lino Silva e Gogue pintarán en vivo para recadar fondos contra a AME
Por Redacción
O vindeiro 28 de maio, ás 11 da mañá, na praza Alfredo Brañas de Cambados, Lino Silva e Gogue pintarán senllos cadros ó aire libre, acompañados de música en vivo. Tanto o cadro do pintor cambadés como a viñeta do humorista grovense, con Floreano de protagonista, sairán a subasta na páxina de Facebook "Selfis contra a AME". Na mesma praza habilitarase un photocall para todas as persoas que desexen sacarlle a lingua a AME.
Abrirase un prazo de dez días para presentar as ofertas polas obras e, unha vez adxudicadas, os gañadores terán tres días para ingresar o importe ofertado na conta de FundAME (unha fundación de axuda ós enfermos desta doenza), antes de recoller os cadros.
O alcalde expresou o apoio do Concello a esta causa solidaria e anunciou a organización dunha charla-coloquio na que participará Merchi Álvarez e un médico especialista sobre a sintomatoloxía e os avances na loita contra esta grave enfermidade. En Galicia só hai polo momento dúas persoas diagnosticadas de AME, según indicou a moza de Castrelo.
Pola súa banda, o club Beiramar anticipou a súa intención de organizar un partido de fútbol benéfico no campo de Castrelo para recadar fondos para esta mesma causa solidaria.
Merchi Álvarez principiou recentemente nas redes sociais unha campaña solicitando respaldo da sociedade para a súa causa: facer visible esta pouco coñecida doenza. Merchi pide que cada persoa se solidarice sacándolle a lingua a AME (Atrofia Muscular Espiñal), que se fotografe coa lingua fóra e colgue a imaxe nun muro dunha rede social.
A moza cambadesa está obtendo unha resposta moi ampla e solidaria.