El Cafetín representará a Pontevedra no concurso 'De tapas por Galicia'
Por Alejandro Espiño
Foron os gañadores da última edición de PontedeTapas e iso serviulles ademais para ser os elixidos para representar á cidade de Pontevedra nun novo concurso gastronómico que creou Turgalicia. El Cafetín defenderá a calidade da gastronomía da cidade nun certame ao que acudirán tamén os gañadores dos concursos de tapas e pinchos das outras seis grandes cidades galegas.
A proposta de El Cafetín, que defenderán Rubén González e Sergio Orge, é a mesma que resultou gañadora en PontedeTapas, a súa reinterpretación da tradicional empanada de bacallau con pasas.
A final deste concurso, que busca recoñecer o mellor cociñeiro de tapas de Galicia, celebrarase o próximo 31 de marzo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Alí terá lugar unha gala na que os cociñeiros terán que preparar as súas tapas en directo.
Cada un dos participantes contará cun espazo neste ámbito, adaptado ás súas preferencias e organizado en función das necesidades de elaboración da tapa. Ademais, dispoñerán dos ingredientes que precisan para elaborar o prato nas mellores condicións.
Haberá tamén un ' office ' común no que os axudantes realizarán o resto das tarefas necesarias para completar cada unha das propostas gastronómicas. Os xefes de cociña terán que rematar os pratos diante do xurado e dos convidados, permitíndolles coñecer as múltiples técnicas empregadas nestas pequenas xoias culinarias.
Segundo destaca Turgalicia, o obxectivo final deste concurso é mostrar a "puxanza e calidade" das gastronomía galega.