Perfecto Rodríguez anima ao PSOE a rezar xuntos para rematar unha estrada canto antes
Por Redacción
Os responsables da empresa construtora que está executando a mellora integral da estrada "PO-255 Ponte Caldelas Caritel Forzáns y PO-241 Caritel - A Lama" informaron ao Alcalde que durante o vindeiro venres 21 de decembro procederase á apertura provisional do tramo entre Ponte Caldelas e Caritel, que permanece cortado desde o mes de xullo.
A idea é que o tramo permaneza aberto durante todo o Nadal.
A partir de xaneiro volverase a cortar durante algúns días concretos para proceder a finalizar o formigonado dalgunhas cunetas pendentes, así como para pavimentar a capa de rodaxe definitiva e o correspondente pintado.
O corte a partir de xaneiro realizarase en datas concretas aínda non fixadas e que dependerá das condicións climatolóxicas permitan realizar os traballos de pavimentado.
O tramo que na actualidade atópase cortado é entre o cruce da estrada da Fraga e a entrada de Caritel.
Este tramo tense agora un pavimento cunha capa base e un pintado provisional o que vai permitir que poida abrirse provisionalmente.
A obra de mellora de todo este viario desenvólvese desde finais de ano 2010.
Xa se atopan completamente rematados e abertos ao tráfico os tramos Caritel - Forzáns e Caritel - A Lama, polo que os traballos céntranse agora en rematar o tramo Ponte Caldelas - Caritel, case finalizado, e sobre todo no tramo de travesía entre o centro urbano de Ponte Caldelas e a recta de Pazos, onde está acometendo a reposición de todos os servizos de rede de sumidoiros, pluviais, alumado público e enerxía eléctrica, así como a construción da nova glorieta e das sendas peonís na recta de Pazos que permitirán garantir a seguridade viaria e dotar de servizo de saneamento a toda esa zona.
Perfecto Rodríguez considera que é unha obra importantísima para o municipio e a comarca e pide "paciencia aos veciños afectados por estes cortes, porque o resultado final valerá a pena".
"O mal tempo durante este último trimestre de ano atrasou as obras de pavimentado deste tramo cortado ao tráfico, motivo polo cal non está aínda totalmente rematado".
A partir de xaneiro volverase a cortar durante algúns días concretos
"Espero que entre os meses de xaneiro e febreiro o tempo permita executar os traballos de pavimentado da capa de rodaxe e posterior pintado, para o que é necesario que non chova. Así mesmo durante o primeiro trimestre do ano 2013 tamén se completarán os traballos en toda a zona da travesía soterrando todas as canalizacións eléctricas e instalando as tubaxes separativas do saneamento".
"Respecto das críticas do PSOE esixindo o fin da obra antes de que acabe o ano, dicir que a culpa do atraso das obras non se debe á empresa que as realiza se non ao mal tempo que tivemos. Así que o único que nos queda sería orar en conxunto co grupo socialista para que non chova".