Os Bombeiros celebran o seu patrón, sentíndose "orgullosos" dunha profesión con "muy buena prensa"
O día de San Juan de Dios, patrón dos bombeiros, tivo un inicio "accidental" para os integrantes do parque de Pontevedra. Así o recoñecía o xefe do servizo, Manuel Torres, ao inicio do acto público co que conmemoraban esta festividade. "Que no sea un motivo para interrumpir nuestras actividades", pedía aos asistentes. Todos sabían o acontecido e non había ninguén que non falase diso, compartindo fotos que chegaban a través das redes sociais.
Pero pronto estes 'corrillos' deron paso a unha maior solemnidade. Manuel Torres quixo recordar a todos os compañeiros que pasaron por este servizo municipal, especialmente aqueles que "no tenían tantos medios materiales como tenemos nosotros ahora" e que grazas a que era "gente muy disciplinada y con un compromiso muy grande con el pueblo" axudaron a que esta profesión sexa "reconocida" pola cidadanía.
O xefe de Bombeiros mostrou o seu "orgullo" por dirixir unha unidade que ten "muy buena prensa", algo que segundo destacou "no es porque seamos unos figuras", senón precisamente polo traballo que desempeñaron anteriores xeracións. De aí que pedise aos seus compañeiros, actualmente un total de 39 persoas, un "esfuerzo" para que dentro duns anos os cidadáns, cando xa se retiren, "hablen igual de bien de nosotros".
Ademais, expresou a "gratitud" que senten os bombeiros pontevedreses cara a todas forzas e corpos de seguridade que desempeñan o seu labor na cidade, á agrupación de voluntarios de Protección Civil -"un cuerpo hermano para nosotros", dixo- e a todas as institucións públicas e empresas privadas que colaboran con cada un dos seus dispositivos.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que o goberno municipal se sente "orgulloso" do seu corpo de Bombeiros. Afirmou que todos os cidadáns "teñen dereito a un servizo público profesional e no que prime o bo facer" e, neste sentido, reiterou que este parque é unha "garantía" de que os cidadáns de todo o municipio "están ben atendidos".
Por iso, aínda que recoñeceu que no Concello de Pontevedra "non nos sobran os cartos", debido á situación económica xeral do país, avanzou que están dispostos "facer un esforzo" para seguir dotándoo do material máis axeitado para o servizo. De feito, recordou que en breve se sumará ao parque móbil dos Bombeiros dúas novas unidades.
PLACA CONMEMORATIVA AO CLUB NAVAL
Durante este acto, os Bombeiros de Pontevedra quixeron agradecer a colaboración que lles presta o Club Naval. Manuel Torres explicou que dende que o corpo ten unha unidade de rescate acuático, a súa directiva foi un "pilar fundamental" no seu bo funcionamento, ao ceder de forma desinteresada dúas prazas de amarre para as súas embarcacións. Fíxoselles entrega dunha placa conmemorativa.