Oito núcleos de Sanxenxo reclaman a Medio Ambiente reducir a protección de Costas
Por Redacción
A modificación da lei de Costas abre a porta a poder 'salvar' os núcleos de Arnosa, A Granxa, Foxos, Fontenla, Major, Seame, Nanín e Festiñanzo. Así o entende o Concello de Sanxenxo, que remitiu esta semana á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar o proxecto de delimitación de núcleos que poderían reducir a servidume de protección de todas esta zonas de 100 a 20 metros.
O Executivo municipal defende que todos estes núcleos cumpren os requisitos fixados pola disposición ao non ter estado clasificados como chan urbano no momento no que entrou en vigor a lei e dispoñer dunha serie de servizos como acceso rodado, abastecemento de auga, evacuación de augas residuais e subministración de enerxía eléctrica.
Outra das esixencias contempladas na disposición é que as zonas deben estar consolidadas pola edificación en polo menos un terzo da súa superficie. Neste caso, tal e como sinalaron dende o departamento de Urbanismo, as áreas propostas teñen un grao de consolidación superior ao 50 por cento.
"Coa remisión de nova documentación completamos o proxecto enviado no seu día ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente dando resposta ás diversas cuestións técnicas requiridas", sinalaron dende o Goberno local.
A proposta municipal contempla así a Arnosa (Vilalonga) cunha superficie neta de 33.218 metros cadrados, 38 edificacións anteriores á Lei de Costas e 25.564 metros cadrados de superficie consolidada pola edificación.
Na relación encóntrase así mesmo Foxos (Noalla) cunha superficie neta de 11.214 metros cadrados, 14 edificacións e 6.950 metros cadrados de superficie consolidada; Fontenla (Noalla) cunha superficie neta de 16.287 metros cadrados, 14 edificacións e 11.655 metros cadrados de superficie consolidada pola edificación; e Major (Noalla) cunha superficie neta de 12.270 metros cadrados, 8 edificacións e 7.674 metros cadrados de superficie consolidada.
Seame (Adina) que dispón dunha superficie neta de 13.324 metros cadrados, 8 edificacións e 10.139 metros cadrados de superficie consolidada; Nanín (Bordóns) con 27.529 metros cadrados de superficie neta, 17 edificacións e 24.092 metros cadrados consolidados; Festiñanzo (Dorrón) cunha superficie neta de 19.462 metros cadrados, 12 edificacións e 11.410 metros cadrados consolidados; e A Granxa (Dorrón), que conta con 17.290 metros cadrados de superficie, 27 edificacións e 10.047 metros cadrados de superficie consolidada pola edificación, forman parte así mesmo desta proposición.