A Universidade quere ser clave na aposta pola conciliación familiar
Por Redacción
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este venres 6 un acto institucional con motivo da celebración do Día Internacional da Muller ao que asisitió o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Durante o acto, María Teresa Díaz e Raquel Iglesias recibiron o Premio Uviguala polo que se recoñece a aposta pola conciliación da vida laboral e familiar tras poñer en marcha un campamento de verán para os fillos dos membros da comunidade universitaria. Desta forma nacía o Campus Camp, un programa pioneiro de conciliación no que cada verán participan ao redor de 250 escolares e polo que as dúas integrantes de persoal da administración e David Basalo, que exportou a idea ao campus de Vigo, recibiron o III Premio de compromiso coa igualdade de xénero Uviguala 2015, segundo recolle o DUVI.
Os problemas para conciliar a vida familiar co labor docente e investigador foron tamén obxecto de análise na exposición que a profesora da Facultade de Ciencias dá Educación e do Deporte,María Álvarez Lires, ofreceu tras a entrega deste premio e destacou que nun informe que desenvolveu con outros docentes, elaborado con enquisas a 20 profesoras, se pon de manifesto varias das dificultades coas que se encontra o profesorado á hora de exercer o seu traballo profesional debido ás dificultades de conciliación e ás dobres e triplas xornadas ás que se enfrontan.
Raquel López, estudante do grao de Publicidade e Relacións Públicas, foi a encargada de pechar este acto institucional dando lectura a un manifesto no que se reivindica un maior compromiso co movemento feminista. No manifesto criticábase o proxecto de reforma da lei do aborto e as vítimas da violencia de xénero. Raquel López reivindicou que a Universidade sexa un punto clave para cambiar todo, para vivir en liberdade e para ser persoas e "non penes ou vaxinas".