Un cliente despístase nunha terraza e fúrtanlle un portátil de 1.000 euros
Por Redacción
A Policía Nacional conseguiu resolver un furto rexistrado na terraza da cafetaría da estación de autobuses o pasado 24 de febreiro, no que dúas persoas supostamente subtraeron un ordenador portátil a un cliente.
Segundo informou a Comisaría Provincial de Pontevedra, por estes feitos detiveron un veciño de Pontevedra de 34 anos con antecedentes policiais como presunto autor do delito de furto e identificaron outro mozo de 26 anos, veciño de Redondela e tamén con antecedentes por presuntamente acompañalo durante o furto.
Un veciño de Pontevedra denunciou que estaba a tomar algo nunha mesa da terraza da cafetaría, tiña o portátil enriba da mesa e, nun momento de descoido, subtraéronllo. O ordenador está valorado en 1.000 euros.
A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor do delito e, unha vez identificado, foi detido este martes 3 de marzo. Tras a detención, foi trasladado a dependencias policiais e posteriormente posto a disposición xudicial.