No concello de Pontevedra o peso do desemprego feminino é do 52,5%
Por Oskar Viéitez
O sindicato UGT ven de publicar un estudio sobre as diferenzas entre homes e mulleres no movemento laboral rexistrado nos concellos encadrados na comarca de Pontevedra no ano 2014. Os concellos estudados son os de Pontevedra, Poio, Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, Marín, Bueu, Sanxenxo, Cerdedo e Moraña.
Como resumo detéctase un aumento do 1,5% no número de mulleres afiliadas á Seguridade Social na comarca entre decembro de 2013 e decembro de 2014, pasando de 26.937 a 27.332. Representan unha porcentaxe case similar á dos homes, sendo dun 49,9%. Hai no ano 2014 (dato a decembro) 27.332 afiliadas á Seguridade social na comarca fronte a 27.402 homes.
A participación da muller é superior na comarca á do conxunto de Galicia, onde acada o 48,9%.
Na comarca de Pontevedra das 17.820 persoas desempregadas en 2014, 9.131 o 51,2% son mulleres, porcentaxe inferior á rexistrada en Galicia, onde é do 52,1%. No concello de Pontevedra o peso do desemprego feminino é máis acusado, o 52,5%
Na propia comarca, segundo sexa o concello analizado, o peso do desemprego feminino amosa fortes diferenzas, indo dende o 45,5% do concello de Campo Lameiro ao 54,6% de Ponte Caldelas.
A pesar que durante a crise económica o desemprego concéntrase con maior contundencia naqueles sectores tradicionalmente masculinizados, no ano 2014 contráese máis o desemprego masculino, nun 8,2% que o feminino, que diminúe o 5,6%
Por sectores hai fortes diverxencias segundo sexos. Mentres que no colectivo masculino o maior número de desempregados en 2014 son da construción (2.411 desempregados), o 27,8% do total masculino, no feminino a maior porcentaxe de desemprego, o 18,0% do total son da hostalaría (1.648 desempregadas).
A segunda actividade económica con maior desemprego masculino é á industria manufactureira, co 11,8% do total (1.028 homes desempregados).
Nas mulleres desempregadas, un 16,7% do total son do comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas (1.525 desempregadas). Tamén no caso feminino destaca o elevado número de desempregadas no colectivo sen emprego anterior, o 11,7% do total (1.069 desempregadas).
Na comarca rexistráronse 61.842 contratos no ano 2014, o 45% a mulleres.
Este reparto desfavorable dende o punto de vista cuantitativo ás mulleres non se traduce en peores condicións á hora da tipoloxía da contratación utilizada, xa que mentres que no caso masculino a porcentaxe da contratación indefinida é do 5,4%, nas mulleres é superior, o 6,7%; destaca que en ambos casos son moi inferiores ás porcentaxes rexistradas en Galicia.
En Galicia as porcentaxes de temporalidade na contratación son máis semellantes entre homes e mulleres, xa que o 7,8% da contratación é indefinida nos homes e o 8,0% nas mulleres.
A pensión media das mulleres é de 717,94 euros, un 30,47% inferior aos 1.032,52 euros que perciben os homes
As porcentaxes de contratación indefinida nun ou outro sexo son moi dispares segundo sexa un ou outro o concello analizado.
No ano 2013 houbo 17.022 mulleres pensionistas na comarca de Pontevedra, representan o 48,5% do total e cobran de media unha pensión un 30,47% inferior á dos homes. A pensión media das mulleres é de 717,94 euros, un 30,47% inferior aos 1.032,52 euros que perciben os homes.
No sistema de pensións público perpetúanse e amplíanse as desigualdades que se producen no mercado laboral entre homes e mulleres. Son desigualdades provocadas pola menor participación das mulleres no mercado laboral, o menor tempo de dedicación a un traballo remunerado e aos ingresos inferiores aos dos homes, entre outras razóns.
Relacionadas:
-
Baixa o paro en 3.077 persoas nun mes marzo "histórico" na provincia de Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Un febreiro sen apenas cambios nas listas do paro, con nove desempregados menos en Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada