As inundacións de Pasarón reforzan no Concello sospeitas de "posibles defectos ocultos na obra"
Por Redacción
A suspensión do partido entre o Pontevedra C.F. e o Vilalonga durante a pasada fin de semana pola inundación do terreo de xogo reforza no Concello de Pontevedra "as sospeitas sobre posibles defectos ocultos na obra".
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, considera que "é un feito bochornoso máis que se suma á colección de despropósitos en que se ten convertido a obra de reconstrución do estadio de Pasarón".
O edil pregúntase como é posible que unha instalación licitada en sete millóns de euros e que acabou superando os 15,8 millóns, "poida ter defectos tan básicos". Este novo incidente "afianza a postura municipal de afrontar o proceso de recepción do campo co máximo rigor técnico e administrativo".
En opinión de Fernández, a reacción do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que anunciou que se abrirá unha investigación sobre os feitos, "é absolutamente insuficiente". "Non basta con que diga que vai encargar un informe para aclarar que pasou. Como máximo responsable dunha licitación absolutamente desastrosa debe asumir responsabilidades", sinala.
O concelleiro de Deportes lembra que a proposta de convenio remitida ao Concello prevía que a institución municipal se fixera cargo do mantemento da instalación, unha vez entregada a obra á Deputación. A concellería negouse e non asumirá ningún gasto de mantemento ata contar co visto bo dos técnicos municipais. Incide en que "aínda seguen sen dispor de toda a documentación e teñen pendente unha profunda inspección ao campo. Os feitos confirman que foi unha decisión acertada".