Xa que o 21 non se cobra a extra, concentración ante a Comisaría
Por Redacción
O próximo venres día 21 de decembro sería lle data en que a Dirección Xeral da Policía debería facer efectivo o ingreso da nómina do mes de decembro xunto coa paga extraordinaria correspondente eliminada por decreto gubernalmental no mes de xullo. Dado o sinalado da data, os policías nacionais de Pontevedra decidiron non quedar quedos e saír á rúa.
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) convocou unha concentración de todos os seus afiliados, e abriu a todos os funcionarios policiais da Comisaría pontevedresa. Será ás 12.00 horas diante das instalacións da rúa Joaquín Costa.
O SUP denuncia que non só non cobrarán a extra, "senón que mesmo os funcionarios do Corpo Nacional de Policía van ver minguadas as súas retribucións respecto ao mes de novembro".
A concentración terá, ademais, un contrapunto solidario. Ao termo desta, os representantes sindicais entregarán a Cáritas varios lotes de produtos non perecedoiros doados por traballadores da Comisaría.
Segundo indican, foron achegados polos afiliados na chamada 'Operación Quilo' porque "a pesar de que os recortes nos afectan de xeito significativo, somos conscientes de que na sociedade existe un grupo de persoas que o están a pasar moito peor" e queren facer a súa pequena achega.