Marineda City escolle Pontevedra e un neno da cidade para ilustrar o seu novo catálogo
A cidade de Pontevedra converteuse este mércores nun improvisado estudio para unha sesión fotográfica. Marineda City, o complexo comercial e de ocio situado na Coruña, escolleu Pontevedra para ilustrar a súa campaña primavera-verán de 2015. O ámbito da Facultade de Belas Artes e os xardíns do doutor Marescot foron as localizacións elixidas para ilustrar este novo catálogo.
Dirixida polo fotógrafo Javier Herranz Estévez, autor de campañas para Carolina Herrera e Nanos, e profesor da Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), na campaña participaron catro modelos galegos: Lola Pérez, Montse Suárez, Gonzalo Martínez e o neno pontevedrés Lucas Maigler Landín.
En total, foron oito os estilismos que todos eles vestiron nesta sesión fotográfica.
Ata agora, Marineda City sempre rodara nas súas instalacións as súas campañas, pero nesta ocasión decidiu saír ao exterior para captar o estilo de vida que promoven nas rúas galegas, concretamente nas da cidade do Lérez.
A elección de Pontevedra non é casual, apuntan dende o centro comercial, xa que a cidade transmite o espírito "próximo, urbano, dinámico, fresco e optimista de Living la vida city", o slogan de Marineda City. Trátase dun concepto que vai máis alá das instalacións do centro e que forma parte da vida diaria da sociedade galega.
ÿ algo que "está nas rúas, as praias e os parques", segundo os creadores desta campaña, e é por iso que nesta ocasión quixeron transmitilo, "sacando" a campaña ás rúas reais onde estes catro modelos deron vida a este espírito.