Protestan pola publicidade institucional xunto a varios clubes de alterne
Por Oskar Viéitez
A Rede Provincial Pontevedra Pola Igualdade esixiu á Deputación, ao Concello e á Universidade de Vigo unha rectificación pública por apoiar unha velada de boxeo e kick boxing o pasado 14 de decembro no pabillón universitario, na que eran patrocinadores varios clubes de alterne.
Dito evento foi publicitado a través dun cartel onde aparecen como patrocinadores estes organismos públicos xunto a varias barras americanas, "utilizando claramente a imaxe da muller como reclamo".
"Os clubes de alterne atentan contra a dignidade das persoas e, en particular, das mulleres, negocios que son cómplices da trata de mulleres e das mafias que extraen da situación de miseria e indefensión delas pingües beneficios".
"Os clubes de alterne atentan contra a dignidade das persoas"
La Rede Provincial Pontevedra Pola Igualdade considera que "é unha vergoña" que tales negocios aparezan mesturados con institucións académicas e políticas "constitúe un feito que non se pode permitir".
"Insistimos no especial coidado que deben ter os entes públicos cando apoian calquera tipo de evento deportivo ou doutra índole, xa que é a súa competencia e responsabilidade velar polos dereitos da cidadanía e constituír un exemplo para esta".
Apelando á esta sensibilidade e responsabilidade das institucións públicas, desde este colectivo esixen á Deputación de Pontevedra, ao Concello de Pontevedra e á Universidade de Vigo a retirada inmediata do apoio que se teña feito a este evento, así como o recoñecemento do erro cometido "e unha rectificación pública que inclúa a explicación das medidas a adoptar para que feitos como os acontecidos non se repitan no futuro".
Finalmente este colectivo insiste na necesidade de "formación e sensibilización en igualdade para cargos políticos e para o persoal dos servizos públicos".
"estamos a vivir un período de estancamiento, retroceso e regresión na igualdade de homes e mulleres"
A Rede Provincial pola Igualdade, é un colectivo formado por unha asamblea de un centenar de socias de todos os concellos da provincia e de todos os ámbitos profesionais, sindical, político, empresarial,... que entenden que "estamos a vivir un período de estancamiento, retroceso e regresión na igualdade de homes e mulleres ao que hai que poñer freo".