Poio homenaxeará cinco mulleres pioneiras con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller
Por Redacción
Unha campaña para poñer en valor o traballo de diferentes mulleres do concello. Esa será a principal actividade que organizou o Concello de Poio para conmemorar, o próximo 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. A iniciativa, denominada De muller a muller, homenaxeará a cinco persoas que se caracterizaron no seu día polo seu traballo pioneiro en diferentes ámbitos da vida pública.
As cinco mulleres que recibirán este recoñecemento público foron seleccionadas, entre outros valores, por ser pioneiras e exercer o liderado no seu campo de traballo prioritariamente masculino, por ser mulleres loitadoras e con instinto de superación ou pola súa dedicación e servizo ás demais mulleres, segundo informou o Centro de Información á Muller da Concellaría de Benestar.
As homenaxeadas serán Margariña Valderrama Curras, primeira muller concelleira en Poio na democracia; Asunción Díaz Pereira, exemplo de muller traballadora e de instinto de superación persoal; Begoña Lorenzo Lourido, matrona no centro de saúde do concello dende hai 30 anos; Noemí Blas Prieto, muller pioneira no deporte das carreiras de coches e presidenta dunha escudaría; e María Curra Ortíz, mariscadora a flote, unha actividade só exercida por homes.
Cada unha delas protagoniza un cartel desta campaña onde aparece a fotografía da homenaxeada, o seu nome e unha frase resumo que explica o motivo da selección.
O acto central da campaña De muller a muller celebrarase o venres 13 de marzo ás 20:15 horas no Casal de Ferreirós. Farase unha presentación das candidatas, entregaráselles un obsequio conmemorativo e logo daráselles a palabra para que poidan compartir cos seus familiares e invitados ese sentimento de ser unha muller pioneira no seu ámbito
Ademais, o día seguinte, sábado 14 de marzo ás 12.00 horas, todas elas realizarán unha plantación de árbores no Parque de Costa Xiráldez. Será o primeiro paso do futuro Bosque de mulleres do Concello de Poio.
As actividades relacionadas co Día Internacional da Muller completaranse o luns 9 de marzo, ás 12.00 horas, cun parón diante do Concello e a lectura dun manifesto reinvindicativo a cargo da concelleira de Igualdade, Lidia Salgueiro.
Relacionadas:
-
Carmela, Josefa, Susa e María del Carmen, protagonistas do 8 de marzo 2016 en Poio
Por Redacción |
-
Poio recoñece o traballo das súas mulleres
Por Redacción |
-
En Poio, 18 vítimas de violencia de xénero teñen orde de protección
Por Redacción |
-
Sonsoles ÿnega e Domenec Biosca protagonizarán en Sanxenxo un encontro literario o Día da Muller
Por Redacción |
-
A corresponsabilidade no fogar centrará os actos do 8 de marzo en Marín
Por Diego Espiño |