Un estudo da PO-308 en Raxó e Samieira determinará por que zona se inicia a súa mellora
Por Redacción
Coñecer o treito da PO-308 que o concello de Poio considera prioritario para a mellora da súa seguridade viaria. Ese foi o obxectivo da reunión da comisión técnica que este martes xuntou a representantes municipais e da Xunta de Galicia para abordar as actuacións necesarias para avanzar na mellora da seguridade desta estrada que une Pontevedra e Sanxenxo.
O Concello solicitou que por parte da Axencia Galega de Infraestruturas se estudase a implantación que requiriría a mellora dos treitos correspondentes ás parroquias de Raxó e Samieira, analizando se é posible encaixar esa implantación nos terreos que actualmente son xa de dominio público. En función do resultado do estudo dende a corporación municipal se priorizará un dos treitos para comezar por el a mellora da estrada.
Neste sentido, reclamaron que a Xunta de Galicia achegase os planos da zona de dominio público asociada á estrada, de modo que dende o concello se coñecesen os terreos que será necesario xestionar para a execución das obras.
A comisión acordou volver a reunirse para que a Xunta de Galicia lle expoña o resultado dese estudo o vindeiro 26 de marzo.
O Goberno galego desenvolve así o plan de traballo acordado o pasado 17 de xaneiro coa corporación municipal, e ratifica o compromiso adquirido coa mellora da estrada PO-308 ao seu paso polos concellos de Poio e Sanxenxo.
Nos últimos anos, recorda a Xunta, xa se actuou nesta estrada, incluso de urxencia cando foi necesario, con máis de 1,5 millóns de euros investidos en obras como a mellora das interseccións na zona de Combarro, rematada en 2009 cun investimento de 1,4 millóns de euros; ou a renovación da capa de rodadura na denominada "curva dos cotos", cunha achega de 260.000 euros.
Relacionadas:
-
Asfaltado 'ecolóxico' para un perigoso tramo da PO-308 en Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pide ao concello que poña a disposición os terreos que faltan para reformar a PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Dous feridos tras envorcar o Audi no que viaxaban á altura de Combarro
Por Redacción |
-
Sanxenxo reclama á Xunta o arranxo "urxente" dos sucos e fochancas da PO-308
Por Redacción |
-
A reforma da PO-308 en Raxó é "prioritaria" para Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O concello de Poio priorizará os tramos da PO-308 para que a Xunta os reforme
Por Oskar Viéitez |