Marín contratará 16 traballadores a través do seu plan de emprego municipal
Por Redacción
Un total de 16 persoas contratará esta semana o Concello de Marín a través do seu plan de emprego municipal, unha iniciativa pactada por todos os partidos políticos representados na corporación local. Así se tratou na Comisión de Facenda e Urbanismo que se celebrou este luns baixo a presidencia do concelleiro Manuel Santos.
En concreto, serán 16 traballadores que servirán de apoio ás brigadas municipais na conservación e mantemento de viais públicos. Os seus contratos serán de seis meses a media xornada.
Os contratos asinaranse nos próximos días. Os elixidos figuraban nunha bolsa de traballo e están a ser chamados por orde rigorosa de puntuación, en virtude dunhas probas que foron realizadas.
En total, o Concello de Marín investirá 100.888,76 euros nestas contratacións.
Ademais desta alternativa, o goberno municipal espera en breve poñer en marcha outros plans subvencionados polo Plan de Emprego da Deputacion e outros con cargo ao presuposto da Xunta de Galicia. Ambos os dous xerarán, destacan, opcións de traballo de xeito temporal no concello de Marín.
INICIATIVA DO BNG
Este plan de emprego municipal foi aprobado por unanimidade, a instancias dunha moción presentada polo BNG. A súa voceira, Pilar Branco, celebrou a contratación de todas estas persoas porque "será a primeira medida realmente efectiva" en materia de promoción do emprego do Concello, a pesar de que xa se recollían 120.000 euros en 2014 para a contratación directa de desempregados.
"O goberno local do PP desperdiciou a oportunidade de ter contratado a moitas máis persoas repetindo esta oferta pública de emprego ao longo do ano pasado, dando así oportunidade a un número moito maior de persoas desempregadas en lugar de recurrir á contratación privada para a limpeza de zonas públicas como praias e xardíns, espazos naturais ou incluso a limpeza de edificios municipais", afirma edil nacionalista.
Relacionadas:
-
Sanxenxo inicia a selección de 30 desempregados para postos municipais temporais
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Aberta a bolsa de emprego para que os empresarios seleccionen persoal formado en EmpregaMarín
Por Redacción |
-
O BNG de Marín denuncia o incumprimento do Plan de Emprego Municipal
Por Redacción |
-
Bota a andar o programa "Empregamarin"
Por Redacción |