A Igrexa estuda accións legais para defender o párroco de Lérez das "calumnias"
Por Redacción
As acusacións vertidas sobre o párroco de Lérez, Crisanto Rial, sobre o presunto cobramento en negro dos servizos relixiosos son consideradas polo afectado como "calumnias", polo que o gabinete xurídico do Arcebispado de Santiago estudará a posibilidade de emprender accións legais.
Segundo informaron fontes do arcebispado, Crisanto Rial participou este luns nunha reunión co bispo e outros sacerdotes na que se abordou esta polémica trasladando a indignación dos presentes polas denuncias públicas feitas polos responsables da funeraria Alianza y Barros.
O párroco de Lérez explicou que o pasado xoves ás 22:15 horas un empregado da funeraria lle chamou para reservar unha hora o sábado para a celebración dun funeral, ao que o cura se negou xa que non quería traballar con esta empresa. Por iso, segundo a versión de Crisanto Rial, indicoulle ao empregado desta firma que comunicara á familia do defunto que falasen directamente con el.
Estas mesmas fontes aseguran que durante este tempo ninguén da familia ou da funeraria volveron poñerse en contacto con el. Por este motivo o cura de Lérez sostén que nunca pediu diñeiro ningún por un traballo que non ía realizar, nin oficiar o funeral, nin asistir ao enterro.
Sobre o pagamento en efectivo doutros servizos relixiosos, Crisanto Rial admitiu que a parroquia de Lérez non expide facturas senón que asina uns recibos co cargo polo traballo do sacerdote, quen pasa a factura e o Arcebispado de Santiago polo resto do importe que cobra.