Atropelan un axente da Garda Civil que realizaba un control de velocidade en Cuntis
Por Redacción
Un axente da Garda Civil tivo que ser trasladado ao hospital tras verse implicado nun accidente de tráfico en Cuntis. Estaba realizando un control cando un vehículo o arrastrou e quedou tirado na calzada.
Fontes da Garda Civil confirmaron que os feitos aconteceron cando se estaba a realizar un control de velocidade con radar á altura do campo de fútbol de Cuntis, na parroquia da Anllada. O radar móbil detectara que un vehículo circulaba con exceso de velocidade e unha patrulla lle deu o alto poucos metros despois. Cando os axentes estaban a notificar a sanción ao condutor infractor, un vehículo que circulaba pola zona arrastrou un dos axentes.
A Garda Civil de Tráfico levantou atestado do sucedido e someteu ao condutor do coche que atropelou ao axente á preceptiva proba de alcoholemia e o test de consumo de drogas, pero deu un resultado negativo en ambos os dous casos.
Os feitos aconteceron pouco antes das 19.00 horas na estrada N-640 e, a consecuencia do impacto, o axente tivo que ser atendido no lugar dos feitos e posteriormente trasladado en ambulancia ao Hospital Domínguez. As feridas que presenta son inicialmente de carácter leve.
SAÍDA DE VÍA
Este luns produciuse outro accidente de tráfico na comarca de Umia no que unha muller resultou ferida e tivo que ser trasladada ao Hospital do Salnés tras saírse da vía o coche que circulaba.
Os feitos aconteceron pasadas as 13.30 horas na estrada PO-305. Na intervención colaboraron efectivos das agrupacións de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Cuntis.