O Concello rehabilitará o acceso ao Regueiriño e Viaqua acometerá obras en Mollabao e Arcebispo Gelmírez
Por Redacción
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns tres proxectos de contratación para diferentes proxectos.
A rehabilitación superficial da estrada de Acceso ao Regueiriño dende a PO-546 terá un importe de 241.000 euros. Este vial acondicionarase dotándoo de medidas de seguridade e de calmado do tráfico, segundo se acordara na reunión do Consello Parroquial sendo consensuado cos veciños. Trátase do terceiro tramo de acceso á Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Ademais deuse o visto e prace a dúas obras que acometerá a empresa Viaqua. Unha é a canalización de pluviais en Mollabao, en substitución do sistema actual que se encontra moi deteriorado. A canalización atravesa o aparcadoiro disuasorio no que se adoitan instalar os circos. Esta obra ten a súa complexidade debido a que esta canalización de un metro de diámetro cruza a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro. O importe desa actuación supera os cincuenta mil euros.
A outra mellora que acometerá Viaqua afecta á rúa Arcebispo Gelmírez (perpendicular á Avenida de Fernández Ladreda) onde se renovará toda a rede de saneamento nun tramo de 98 metros de lonxitude. Neste caso a canalización transcorre por debaixo das vivendas o que impide o seu acceso polo que substituirá a canalización actual por outra de fundición pola vía pública renovándose toda a rede de sumidoiros. O custo da actuación é de 44.000 euros.
O prazo de execución para estas tres actuacións é dun mes e medio.