Máis de 4.500 firmas piden que se retiren os 'semáforos trampa' do Grove e se anulen as sancións
Por Redacción
Unha petición online que conta co apoio de 4.500 firmas solicita ao alcalde do Grove que 'retire os semáforos trampa' do Grove e anule as sancións derivadas.
A campaña, aloxada en Change.org, foi posta en marcha recentemente. "Os radares a comisión e os semáforos-trampa son unha fórmula que dende hai varios anos se estendeu", segundo denuncian os creadores da petición, e no caso do Grove "unha empresa privada proporciona os aparatos de vixilancia de tráfico e encárgase do seu mantemento, quedando en contraprestación cunha parte da recadación das sancións, mentres o resto remata en mans do Concello".
Ás queixas dos impulsores da campaña aloxada en Change.org súmase que estes mecanismos, "están lonxe de establecer un sistema seguro para a seguridade vial. De feito, a elección da situación destes semáforos parecen demostrar o contrario, vías de acceso, en costa abaixo, sen pasos de peóns adxacentes, quedando só nunha fonte de ingresos para o Concello e a empresa instaladora", insisten.
Por todo o exposto "esixen a retirada dos semáforos-trampa existentes no termo municipal do Grove, ao obxecto de que o Pleno do Concello do Grove trate este asunto anulando todas as sancións impostas".