Asubíos e apupos o alcalde á entrada ao Pleno pola planta de compostaxe na Canicouva
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un grupo de preto de duascentas persoas integrantes da plataforma anti planta de compostaxe acudiu este luns ao Teatro Principal de Pontevedra para asistir ao Pleno municipal.
A entrada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, produciuse entre pitos e apupos por parte dos membros deste colectivo.
Os voceiros desta plataforma, Ramón Agulla e Eugenio Peón, xustificaron esta mobilización como unha reacción veciñal fronte a un proxecto "inxusto" e engadiron que "non tratamos de facer política, pero dalgunha manera estase facendo política".
"Non vimos a armar rebumbio nin a meternos con ninguén, queremos que se nos respecte e que se nos escoite", afirmou Eugenio Peón, que reclama información sobre este proxecto de construción dunha planta de compostaxe en terreos da parroquia da Canicouva.
Pola súa banda, Ramón Agulla expresou o seu desexo de "que isto non se quede como algo só de Pontesampaio" e criticou que "a cidade está durmida porque cren que a eles non lles vai a afectar". Pola contra, a plataforma sostén que a situación elixida para a planta de compostaxe "a catro quilómetros en liña recta da cidade" verase afectada polos "cheiros e a contaminación" da que chaman "Sogama do Sur".
"Estamos falando de sacar unha Celulosa e estanos intentando traer outra", afirmou Agulla.
NON INTERVIÿERON NO PLENO
Os integrantes desta plataforma, que ocuparon gran parte do patio de butacas do Teatro Principal, non pediron a palabra no Pleno e asistiron en silencio ás intervencións de Jacobo Moreira e Agustín Fernández, os únicos que fixeron referencia a esta problemática.
O voceiro do PP celebrou a presenza dos veciños no Pleno porque entende que é un "síntoma de que algo está a cambiar en Pontevedra" e que os pontevedreses "xa perderon o medo ás represalias" do goberno municipal. Moreira reiterou que os populares non van apoiar a planta de compostaxe na Canicouva, porque se incumpriu a "única condición" que formularan, que non houbese rexeitamento veciñal ningún.
Pola súa banda, dende as filas socialistas, Agustín Fernández acusou o voceiro popular de buscar o seu "minuto de gloria" e de mentir aos afectados por este proxecto "porque vostede apoiou que se instale un vertedoiro en Pontevedra". O candidato do PSdeG-PSOE pediulle a Moreira que "non se escude no conflito veciñal" porque asegura que xa o había cando o PP votou a favor desta planta. O único que sempre defendeu a súa non instalación "somos nós", concluíu.
Relacionadas:
-
"Mentras non haxa consenso a Deputación non vai a levar a cabo nada", asegura Louzán sobre a planta de compost
Por Oskar Viéitez |
-
O contrato para a planta de compost prohibirá expresamente unha incineradora ou un vertedoiro na Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
"Terá máis retorno económico para Galicia o premio ONU-Hábitat que o vídeo de Enrique Iglesias"
Por Alejandro Espiño |
-
A plataforma anti planta de compostaxe inicia mobilizacións
Por Redacción |
-
A Canicouva lamenta a "invasión" con fins electorais do PP e o PSOE do monte onde se proxecta a planta de compost
Por Redacción |