Mandan reparar as boias de Portonovo e Pedras Negras
Por Redacción
Portos de Galicia vén de iniciar os traballos para a reparación dos sinais de balizamento marítimo instaladas en boias en augas de Portonovo (Sanxenxo) e Pedras Negras (O Grove). O ente público está a acometer esta actuación para subsanar os desperfectos provocados nestes elementos marítimos polos sucesivos temporais.
A actuación consistirá en xeral na limpeza da boia e da cadea e a substitución da lanterna avariada no seu caso.
Estas operacións realízanse a través de empresas especializadas dado que é preciso dispoñer dunha embarcación dotada de medios de elevación e dun equipo de mergulladores profesionais con experiencia en traballos en mar aberto.
O prazo de execución dependerá das condicións marítimas, dadas as características propias da actuación e a obriga de garantir a seguridade dos usuarios.
Esta reparación permite mellorar a seguridade para as embarcacións nos entornos portuarios e reducir os riscos da navegación.