Edugal consolídase tras recibir máis de 12.000 visitantes
Por Redacción
Edugal, o Salón da Formación e Educación de Galicia pecha as súas portas un ano máis, consolidándose como a referencia do sector, superando cifras de expositores e asistentes. Máis de 35 postos e máis de 12.000 visitantes converten a IV edición de Edugal, celebrada en Pontevedra, na máis exitosa de todas as celebradas ata a data.
Juan Corbacho, vicerrector do Campus Universitario de Pontevedra, fai un balance moi positivo. "Para nós foi un escaparate de luxo. Pontevedra esquece a miúdo que é unha cidade universitaria, polo que o Salón Edugal, tan preto de nós, nos axuda a mostrar que somos parte indispensable da vida pontevedresa".
José María Corujo, presidente de AEMPE, organizadora do Salón, mostrou a súa satisfacción polo éxito obtido. "Crecemos en actividades, en aulas abertas, en visitas e en expositores e o noso obxectivo de dar un salto de calidade foi amplamente superado. Pero o que máis nos satisfai é poder abrir camiños de futuro e saídas laborais, algo prioritario hoxe en día".
Ernesto Pedrosa, presidente do Conselo Social da Universidade de Vigo, felicitouse igualmente: "Levamos anos apostando por este Salón, cunha presenza constante e cada vez máis comprometida. Non podemos estar máis satisfeitos. Foi un éxito en todos os sentidos".
Entre os expositores, mantense a confianza no Salón e xa se están a elaborar proxectos para manter a súa presenza en futuras edicións. Responsables da Escola de Enxeñería, do Garaxe Hermético ou de Instituto Galego de Acuicultura ou do Centro Manuel Antonio, mostraron o seu interese en incrementar espazos e actividades para próximas edicións.
Dende AEMPE tense clara a aposta polo futuro de Edugal. "O camiño emprendido é o correcto, unha combinación de actividades para todos os públicos e unha ampla oferta en formación e educación, abranguendo todos os campos posibles. En próximas edicións o noso labor será a de afondar nesta vía. Superamos en máis de 2.000 visitantes as cifras da anterior edición e seguiremos mellorando".
Relacionadas:
-
Música e gastronomía maridarán con educación e saídas profesionais en Edugal 2016
Por Redacción |
-
Edugal resolve as dúbidas dos mozos que teñen que escoller entre a FP ou o Bacharelato
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Recinto Feiral será o centro da oferta de educación e formación de Galicia a partir do mércores 25
Por Redacción |
-
Edugal ultima os detalles da cuarta edición dun salón que pretende dar un "salto de calidade"
Por Redacción |