A Corporación provincial pide medicinas contra a hepatite C
Por Oskar Viéitez
A Corporación provincial aprobou este venres por unanimidade no Pleno da Deputación de Pontevedra unha moción do PSdeG enmarcada na campaña que impulsan os socialistas da provincia de Pontevedra para solicitar aos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy que adopten as medidas necesarias para garantir os novos tratamentos contra a hepatite C.
A enfermidade afecta a preto de 30.000 persoas en Galicia e a iniciativa foi impulsada pola plataforma de damnificados. Unha das súas voceiras tomou a palabra ao inicio da sesión plenaria reivindicando que estes enfermos poidan obter a súa medicación e non se poñan escusas polo custo destes.
O deputado do PsdeG, Eduardo Reguera, falou de "engano" aos enfermos por parte da anterior ministra de Sanidade, Ana Mato e do presidente do Goberno de España, ao dicir que o novo medicamento estaba a ser distribuído.
A deputada do BNG, Iolanda Veloso, cualificou de "crueldade" esta actitude "do goberno do PP na Xunta e non Estado" e que "deixen de decidir sobre ás vidas das persoas pensando en criterios economicistas".
Jesús Vázquez Almuiña, deputado do Partido Popular, médico de profesión, aludiu ao "criterio médico" para rexeitar algúns dos argumentos empregados na defensa desta moción. "Deixemos traballar aos que saben, a os especialistas, e non utilicemos esto para facer electoralismo", dixo, e acusou aos grupos da oposición de "usar os sentimentos dos enfermos".
A pesar destes argumentos, o Partido Popular sumouse xunto ao BNG á moción presentada polos socialistas.
Relacionadas:
-
Médicos e doentes piden á Sanidade que dispense os tratamentos de Hepatite C solicitados polos especialistas
Por Redacción |
-
Os socialistas impulsan mocións pedindo os novos medicamentos para os enfermos da hepatite C
Por Redacción |
-
"Eles ven o seu negocio, pero a min estanme restando días de vida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Colexio de Médicos considera "inaceptables" as demoras na dispensa de 'Sovaldi'
Por Redacción |
-
Arte para dar voz á hepatite C, a enfermidade silenciosa
Por Redacción |