A que idade poden ter os nenos un teléfono móbil?
Por Oskar Viéitez
A que idade poden ter os nenos un teléfono móbil?, como poden axudarlles os pais para que fagan un bo uso? Os pais de hoxe en día non teñen referentes, non poden educar seguindo o exemplo do que fixeron con eles cando eran rapaces, de aí o problema.
José Torres, responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil na provincia de Pontevedra, sinala que o móbil se converteu no "regalo estrela da comuñón" ou no regalo de Reis cando van a sexto de primaria.
Mércase o teléfono coa xustificación de que é para ter o neno localizado pero o uso que eles lle dan ao móbil é bastante distinto. Son nenos de nove anos que teñen nas súas mans un Smartphone con cámara de fotos e vídeo, xogos, aplicacións e acceso a Internet, que aínda que non teñan tarifa de datos xa se encargarán de buscar un punto de acceso Wi-Fi para poder facelo.
A nomofobia é o medo irracional a saír de casa sen o teléfono móbil, algo cada vez máis habitual entre os adolescentes para os que este aparatiño se converteu nunha extensión deles mesmos, algo imprescindible para as súas vidas, para as súas relacións sociais xa que a través do móbil vía Facebook, Twitter, Whatsapp, Line, Telegram, Snapchat ou WeChat forman parte do grupo onde contan a máis importante das súas vidas.
A nomofobia é o medo irracional a saír de casa sen o teléfono móbil
O 90% dos mozos dormen co móbil, un costume altamente perigoso xa que pode reducir o nivel de serotonina e alterar o sono.
Pero de nada serve que un pai fale aos seus fillos do uso do móbil se el mesmo é un adicto, é necesario predicar co exemplo. Non obstante non se usa o sentido común ao mesmo tempo que se usan as novas tecnoloxías e iso pode carrexar serios problemas co emprego de PCs, tablets, smartphones e outros dispositivos.
Nunha charla organizada pola Anpa del Instituto Sánchez Cantón, José Torres Meira explicou que actualmente, en España, hai 52 millóns de liñas móbiles, é dicir, máis móbiles que habitantes e sinalou que cando se empregan mal os móbiles poden dar lugar a certos problemas como ameazas, calumnias, aldraxes ou a violación do dereito á intimidade.
José Torres citou algunhas modalidades de acoso, sendo as máis coñecidas e habituais o ciberbullying, un acoso dun menor a outro menor mediante o emprego de novas tecnoloxías. Adoita ser dilatado no tempo, non é de índole sexual e prodúcese entre mozos de idades similares.
No ciberbullying diferéncianse varios perfís: o da vítima, o acosador e tamén o do acosador pasivo ou espectador que ve o que está a pasar e non fai nada ou mesmo alenta o acoso. Torres Meira recorda, neste sentido, que a partir dos 14 anos se ten responsabilidade penal.
Outra modalidade é o sexting, é dicir, o envío de contido erótico ou sexual mediante o uso das novas tecnoloxías. O 85% dos usuarios desta práctica son menores de 18 anos e aumentou moito nos últimos anos pola chegada da mensaxería instantánea.
Tamén existe a sextorsion, que se trata de conseguir a foto (ou vídeo) dunha persoa nua ou en actitude comprometedora e acosar para conseguir máis fotos ou un encontro.
Neste sentido, o responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil en Pontevedra recorda que non se pode sacar unha foto a unha persoa sen o seu permiso. Ademais comenta que a maioría dos smartphones veñen coa opción de xeolocalización activada das fotos, co cal os acosadores teñen moito máis doado saber onde foi exactamente tomada esa imaxe.
Outra modalidade de acoso é o chamado grooming, exercido por un adulto a un menor.
Un último dato, o responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Comandancia indica que polo menos o 30% dos menores que utilizan internet sufriron nalgunha ocasión polo menos unha situación de acoso por parte dun adulto.
Relacionadas:
-
RADIO.- Proxecto 'Redes', unha iniciativa colectiva para resolver problemas sociais e educativos en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
Condenado a máis de 15 anos de cárcere por enganar 45 menores para obter imaxes sexuais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Alerta temperá para loitar contra o ciberbullying
Por Redacción |
-
O Sánchez Cantón e A Xunqueira II envían aos móbiles dos pais as faltas e as notas dos seus fillos
Por Redacción |