Dos xulgados ao comedor de San Francisco
Por Redacción
Directamente dende o edificio xudicial da Parda ao comedor de San Francisco. O próximo mércores 19 de decembro unha carga de alimentos non perecedoiros realizarán este percorrido tras recollerse nunha campaña solidaria posta en marcha por funcionarios xudiciais.
A iniciativa saíu de funcionarios de forma anónima para trasmitir a idea de que se trata dunha campaña "de todos". Para iso, está a funcionar o boca a boca no edificio xudicial e tamén se colgaron carteis polas instalacións.
Os funcionarios recollen alimentos e póñenlle nome aos beneficiarios das doazóns, os usuarios do comedor de San Francisco. Ata o momento xa se entregaron varias bolsas, así como cartóns de leite e caixas de aceite.
A recollida de alimentos prolongarase ata o 19 de decembro e realízase nunha serie de caixas instaladas nunha zona do edificio só dispoñible para o funcionariado, ao fia do corredor interior das salas de visitas.