Ponte Caldelas acolle un curso de primeiros auxilios para atender motoristas accidentados
Por Redacción
A Plataforma Moteira para a Seguridade Vial organiza en Ponte Caldelas o primeiro curso de Primeiros Auxilios para motoristas accidentados dirixido, principalmente, a pilotos de moto co obxectivo de que adquiran coñecementos básicos para saber como poden socorrer un compañeiro mentres chegan os profesionais.
Segundo afirma Manuel Picón, presidente da Plataforma, a intención do curso é evitar que o ámbito dun accidente remate converténdose nunha guerra de chamada de móbiles e de nervios. Ademais, o curso tamén se orientará para ofrecer coñecementos a aqueles motoristas que viaxen sós e que, se sofren un accidente leve, saiban que protocolo deben de seguir mentres chegan no seu auxilio.
O curso será impartido por un médico traumatólogo, unha médica de servizos de urxencia, unha enfermeira especialista en formación, unha psicóloga e un especialista da agrupación de Tráfico da Garda Civil.
A inscrición, aberta a todos os cidadáns, é totalmente gratuíta e os interesados deberán realizala antes do 6 de marzo a través dos correos da Plataforma: presidente@pmsv.org ou comunicacion@pmsv.org. A cota de inscricións sitúase en 100 prazas.