Un ano e medio de prisión por vender droga en Monte Porreiro
Por Redacción
María Rocío J.J. cumprirá un ano e medio de prisión como presunta autora dun delito contra a saúde pública tras recoñecer ante o tribunal que trapicheou con droga no barrio de Monte Porreiro.
A muller, de 43 anos, sentouse no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Previamente alcanzara un acordo de conformidade co fiscal polo que viu reducida a condena á que se enfrontaba. Inicialmente pedíanlle dous anos de prisión e unha multa de 20 euros, así como o comiso das substancias e o diñeiro que se lle interviñera durante o operativo policial, pero, tras o acordo, viuse reducida a pena a un ano e medio.
Con este acordo recoñeceu que o 19 de agosto de 2012 realizou unha entrega de droga a cambio de diñeiro na zona da rúa Dos campos, en Monte Porreiro. En concreto, entregoulle a unha muller a cambio de 30 euros un pequeno envoltorio que contiña no seu interior unha substancia que, convenientemente analizada, resultou ser cocaína e ter un peso de 0,355 gramos, unha pureza do 28,85% e un valor no mercado de 22,63 euros.
Tras esa intervención de droga, o día 11 de xaneiro de 2013 levouse a cabo un rexistro no domicilio da acusada no que foron achadas dúas básculas de precisión e pequenas cantidades de marihuana que non consta estivesen destinados á venda a terceiras persoas. Igualmente, os axentes interviñeron a cantidade de 200 euros en poder da acusada, produto de anteriores vendas.