Un incendio orixinado nunha cociña provoca danos nunha nave de material eléctrico en Alba
Por Redacción
Os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron que esforzarse para apagar o lume orixinado nunha nave de material eléctrico situada no lugar de Lampreeira na zona da Devesa pertencente á parroquia de Alba (Pontevedra). As lapas orixináronse minutos antes das 9:00 horas nunha nave de bloques da empresa de iluminacións e carpas.
Segundo fontes do Parque de Bombeiros, a intervención na que participaron operativos desprazados en dous vehículos ata a zona prolongouse durante máis de dúas horas debido a que o incendio xurdiu nunha nave sen ventás polas que acceder ao interior do local, que apenas conta con ventilación. Por este motivo foi necesario forzar o portalón da entrada e abrir un burato pola parte posterior no que os bombeiros puxeron en marcha un ventilador para liberar de fume a nave. Ademais, foi necesario remover o material que se encontraba acumulado nese espazo.
Sospéitase que o lume se iniciase nunha cociña interior e que, por causas que se descoñecen, provocou a orixe das lapas que se estenderon polas instalacións que conteñen diferentes materiais. Non se produciron danos persoais ao non haber ningún traballador dentro do recinto cando se produciu o incendio e o lume tampouco afectou a outros inmobles. Ata o lugar tamén se desprazaron dotacións da Policía Local de Pontevedra.