Aparecen 37 golfiños mortos nas praias das Rías Baixas en catro días
Por Redacción
O Grupo de Rescate e Investigación de mamíferos mariños (GREMMAR) recuperou entre o venres 14 e o luns 17 de decembro un total de 37 cetáceos mortos das praias das Rías Baixas.
Segundo a información facilitada polo GREMMAR, na tarde deste luns localizáronse cinco cetáceos no Grove (na Lanzada, tanto na propia praia coma nun pequeno areal ao norte, e Raeiros), Sanxenxo (areal de Canelas) e a ría de Muros e Noia, pero a estes habería que sumar outros 32 que xa recolleran dende o inicio do temporal Nicki o venres 14.
Os integrantes deste Grupo realizaron unha inspección costeira durante o fin de semana en praias de Moaña, Cangas, Bueu, Poio, Sanxenxo, ou Grove, Illa de Arousa e Riveira, nas rías de Vigo, Aldan, Pontevedra e Arousa e localizaron cinco animais en Moaña, catro en Cangas, un en Bueu, un en Poio, 11 en Sanxenxo, dous na Illa de Arousa e tres en Riveira. Este luns uníronse os cinco relatados antes.
Dos animais localizados identificaron que 20 son golfiños comúns, catro golfiños listados e un golfiño mular (inmaturo). De 13 deles puideron comprobar que eran femias e de 16 machos. De catro exemplares non recollidos por encontrarse no mar non se lle puido recoñecer o sexo.
Segundo indican, tan só dun exemplar se pode asegurar cun 90% que faleceu por causas naturais, tales como desnutrición e infección na cavidade bucal. 21 tiñan signos medio-altos de captura accidental en redes de pesca, catro tiñan signos de ter sufrido danos tras un ataque de golfiños mulares (ou o arroaz galego) e seis tiñan unha alta porcentaxe de degradación que imposibilitou determinar as causas exactas da morte.
Dende o GREMMAR indican que boa parte destes animais apareceron coa aleta caudal (cola) amputada son signos indicativos notorios de captura accidental en artes de pesca. Estas amputacións son producidas posmorten, ao quedar o animal envolvido nas redes de pesca, e ao ser desenmarañada a rede, a aleta caudal é a única que se sitúa en posición horizontal a eixe corporal do corpo do animal e retén o groso da arte de pesca, imposibilitando a súa liberación.
Noutras ocasións só presentan marcas polo corpo, sendo notorias as marcas nas aletas e boca, sendo liberado sen presenza doutros danos.