Lores e a plataforma de empresarios pro-industria, de acordo nun 95%: "o outro 5% é ENCE"
Por Alejandro Espiño
Unha entrevista "normal e enriquecedora". Así definen tanto Miguel Anxo Fernández Lores, como os representantes da Plataforma de apoio á industria na comarca, o encontro que ambas as dúas partes mantiveron este venres no Concello de Pontevedra. Aínda que as posicións, recordou o alcalde, eran "previamente coñecidas", aseguraron coincidir nun 95% das súas reivindicacións. "O outro 5% é ENCE", onde existen discrepancias irreconciliables.
Lores sinalou que o Concello de Pontevedra coincide con estes empresarios en apoiar "todo tipo de actividade industrial e económica" na comarca. Recoñece que non é doado porque a situación "é a que é" en toda Galicia, comunidade na que sinalou que a actividade industrial caeu un 40% nos últimos anos. Aínda así sinalou que "se é posible" potenciarán o seu apoio a estas iniciativas empresariais.
Tamén están de acordo, segundo alcalde e empresarios, na necesidade de buscar unha solución á situación do Porto de Marín e resolver a sentenza que pesa sobre os recheos que foron declarados ilegais; e na aposta por crear un porto seco e en dotar ao municipio de máis solo industrial "algo que teríamos se a Xunta aprobase o PXOM que consensuamos hai anos", recordou Fernández Lores.
Neste sentido, o alcalde recordou que o polígono do Campiño ten libre preto do 50% das parcelas e pediu a Xestur unha xestión máis eficiente deste espazo. Especialmente, reclamou que se revise o estado dos contratos e se estude a posible reversión dos terreos que foron adquiridos no seu día por empresarios ou emprendedores e que non foron utilizados.
Pero Lores quixo apuntar que "non coñezo ningunha empresa que por carencia de espazo ou dificultades administrativas non veña a Pontevedra".
O único punto discrepante entre ambas as dúas partes é ENCE. O alcalde explicou que todos os integrantes desta plataforma "teñen empresas que traballan directamente para ENCE" e reiterou que no Concello de Pontevedra "non imos a variar a nosa posición". Asegurou ser consciente dos postos de traballo que xera a empresa pasteira, pero reiterou que debe trasladarse e que a recuperación da Ría "sería máis positivo para a comarca".
Neste sentido, o vicepresidente desta plataforma empresarial, Agustín Nogueira, afirmou que "ya sabíamos a lo que veníamos" e apuntou que contaban con que as discrepancias con respecto a ENCE ían ser "absolutas". Sinalou que todos os membros deste colectivo coinciden con que a permanencia da empresa en Lourizán é "absolutamente necesaria" para que a comarca "se pueda seguir desarrollando".
Recoñeceu que ante moitas das reivindicacións que teñen como empresarios, o Concello "no puede hacer nada" en virtude das súas competencias, aínda que si lle pediu directamente ao alcalde que traballe para "favorecer" a actividade empresarial.
Relacionadas:
-
Biempica: "No se puede vivir del modelo urbano; el Concello sí lo hace, pero los pontevedreses no"
Por Natalia Puga |
-
Mosquera asegura que o PP ultima "regalar" a ENCE a súa continuidade na Ría a cambio de "algún millonciño"
Por Alejandro Espiño |
-
A 'Plataforma de apoio á industria' traslada ao Porto "todo nuestro apoyo" en relación aos recheos
Por Diego Espiño |
-
Lores, irónico sobre Moreira: "Debe ser o único pontevedrés que non ten unha postura sobre ENCE"
Por Alejandro Espiño |
-
Jorge Cebreiros, candidato á CEP: "Ninguna comarca se podría permitir el lujo de no tener ENCE"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Alertan da desaparición industrial da comarca por "un sentido del medio ambiente mal entendido"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |