A fin de semana virá marcada por chuvascos illados nas Rías Baixas
Por Redacción
Este sábado 21, día no que está previsto que se realice o desfile principal do Entroido tras suspenderse o fin de semana pasado, está previsto que os ceos nas Rías Baixas se manteñan parcialmente anubrados, con chuvascos illados, segundo apunta MeteoGalicia. As temperaturas apenas sufrirán cambios situándose entre os 7 e os 13 graos centígrados. Os ventos soprarán de compoñente norte, moderados en xeral, deixando unha sensación térmica de frío.
A previsión para o domingo sitúa á provincia de Pontevedra baixo a influencia das baixas presións, coa influencia dunha fronte cálida durante o día. Espéranse ceos anubrados e chuvias débiles tipo orvallo que comezarán no litoral atlántico. As temperaturas mínimas descenderán moderadamente e oscilarán entre os 4 e os 12 graos. Durante o domingo, os ventos soprarán frouxos de sueste. Nesta xornada está previsto o desenvolvemento do enterro do Ravachol como peche do Entroido pontevedrés.
Unha borrasca situada ao norte das Illas Británicas será a protagonista durante o luns 23 enviando unha fronte fría durante toda esa xornada. Os ceos permanecerán cubertos con chuvias xeneralizadas. Durante a tarde rexistraranse chuvascos e as temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso entre os 11 e os 13 graos. O vento soprará de compoñente oeste.
Ao longo da semana produciranse unha situación intermedia entre o anticiclón de Azores e as borrascas do atlántico norte, polo que as condicións meteorolóxicas irán alternando entre días de ventos do sueste con alta probabilidade de precipitacións e temperaturas suaves e días de vento do norte, con menos chuvia pero máis frío.