Un mozo de 17 anos sofre queimaduras no incendio da súa casa en Marcón
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un rapaz de 17 anos tivo que ser trasladado ao Hospital Montecelo e previsiblemente será derivado á Unidade de Queimados do Hospital Universitario da Coruña a consecuencia dun incendio rexistrado este xoves nunha vivenda unifamiliar de Marcón.
O lume iniciouse arredor das 13.20 horas deste xoves nunha casa do lugar da Barcia por causas que se descoñecen, pero que poderían estar relacionadas cunha estufa de leña situada nunha das estanzas da vivenda. Nese momento estaba na casa tan só unha persoa, un menor de 17 anos que non puidera asistir a clase por temas de saúde, e conseguiu saír ao exterior polo seu propio pé e pedir axuda.
A estufa en cuestión estaba na zona do salón da vivenda e situada nas proximidades dun bote con substancia acelerante ou alcohol e a primeira hipótese que se manexa é que existe relación directa entre esta circunstancia e o lume. Nun momento dado produciuse unha pequena explosión accidental e o adolescente viuse afectado polas chamas.
O rapaz púxose en contacto cos seus familiares e, á súa chegada, foi trasladado por medios propios ao Hospital Montecelo. Presentaba, segundo fontes familiares, queimaduras na zona da cara, o peito e o cabelo de pequeno alcance, pero valorouse a posibilidade de trasladalo á unidade de queimados para evitar que lle quedaran cicatrices. Outras fontes apuntan a que tamén puido sufrir queimaduras nas mans.
Ao lugar do incendio acudiron dúas dotacións do Corpo de Bombeiros de Pontevedra, procederon a que sufocar as chamas, refrixerar o salón e ventilar a vivenda porque se xerara unha gran nube de fume. Segundo indicaron os bombeiros, as chamas arrasaron practicamente todo o salón e os aparellos que contiña.
Dada a intensa nube de fume que encheu a vivenda, as tarefas dos bombeiros víronse dificultadas, pero finalmente as chamas quedaron sufocadas en poucos minutos. Ademais, revisouse a vivenda e non se detectaron máis situacións de perigo, se ben agora a Policía Nacional abriu unha investigación para determinar as circunstancias nas que se produciu o lume.
A vivenda quedou precintada á espera de que se traslade ao lugar a Policía Científica para realizar unha análise do punto no que se iniciou o lume e poder determinar as causas deste. Dentro da casa foi localizado un bote de substancia acelerante que tamén será analizado polos investigadores.
O operativo incluíu varias patrullas das policías Local e Nacional, así como a Garda Civil de Tráfico, que procedeu a regular o circulación na estrada de Pontevedra a Ponte Caldelas, nas inmediacións da vivenda. A casa está situada nunha coñecida curva fronte á ferraxaría Blanco. Na vivenda residen a irmá menor do rapaz afectado e a súa nai, que, ao ter noticia do sucedido, amosou un alto grao de nerviosismo e tivo que ser trasladada por unha ambulancia do 061 a un centro sanitario.