A prisión da Lama establece a alerta biolóxica ante a aparición dun sobre con pó branco
Por Redacción
Un sobre dirixido ao director da prisión da Lama cunha substancia poeirenta de cor branca xerou unha situación de alarma no Centro Penitenciario arredor das 10.00 horas da mañá deste xoves 19. O GEDEX da Garda Civil trasladou xa o sobre co contido á Comandancia de Pontevedra para que sexa analizado na unidade técnica de análise en Madrid despois de que se desenvolvese todo un protocolo de descontaminación.
Catro funcionarios do cárcere que entraron en contacto co sobre, que procedía do País Vasco, foron atendidos no propio centro e sometidos a un proceso analítico e á realización dunha serie de probas. Horas despois, xa estaban nas súas casas.
Mentres tanto, os equipos bacteriolóxicos da Garda Civil da unidade Nuclear, Radiolóxica, Biolóxica e Química (NRBQ) recolleron mostras na prisión, despois de evacuar ao redor dun centenar de traballadores da zona de oficina, segundo fontes do propio penal. O despacho no que foi manipulado o sobre quedou precintado xunto cos outras dúas dependencias.
Segundo fontes sindicais, nas últimas horas tamén se desatou a alarma no centro penitenciario de Aranjuez (Madrid) e tamén na prisión de Briáns (Cataluña) ao aparecer unha carta con outra substancia poeirenta.
Ao longo da tarde, a normalidade volveu ao centro penitenciario e os resultados das probas de toxicidade realizadas ao material que se atopaba no sobre deron negativo.