O Concello presenta un recurso contra as novas condicións de adhesión a Sogama
Por Redacción
Novo episodio no longo conflito entre o Concello de Pontevedra e Sogama, o organismo que xestiona o tratamento de residuos sólidos urbanos en Galicia. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado mes de decembro as novas condicións de adhesión a Sogama, obrigatorias para todos os concellos que envíen o seu lixo á planta de Cerceda. Pero para Pontevedra esta resolución, entre outras cousas, vulnera a autonomía municipal.
A Xunta de Goberno acordou presentar un requirimento ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que se anulen as devanditas condicións. ÿ un paso previo á presentación dun recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O voceiro do goberno municipal, Raimundo González, acusa Sogama e a Xunta de Galicia de vulnerar de forma "manifesta e patente" a autonomía local, ao intentar lexislar sobre un tema, o tratamento de lixos, que é competencia dos concellos. Ademais, afirmou que existe "indefensión" por parte da administración municipal, xa que non houbo "audiencia" aos concellos para coñecer estes cambios antes de publicarse no DOGA.
O edil acusou tamén a Xunta de Galicia de converterse en recadadora dunha empresa privada a través dese regulamento. Estas novas condicións brindan a posibilidade de detraer con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental o importe das débedas por non pagamento do canon que Sogama cobra aos concellos. E neste sentido, Raimundo González recorda que unha empresa privada "non ten potestade administrativa" para facer este tipo de trámites.
Este paso, que xa deron tamén outros concellos como Allariz ou Monforte de Lemos, se dá para "defender" os intereses de Pontevedra e a vixencia da cláusula enerxética no contrato con Sogama, orixe do conflito xudicial con esta sociedade ambiental. Sobre a última sentenza do TSXG favorable a Sogama, o Concello de Pontevedra presentou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.
Relacionadas:
-
O Constitucional falla a favor de Sogama no seu conflito con Pontevedra e o Concello cualifica de "lamentable" a decisión
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Sogama e o Concello inician negociacións para chegar a un acordo extraxudicial pola débeda
Por Alejandro Espiño |
-
Nomean o pontevedrés Javier Domínguez novo presidente de Sogama
Por Redacción |
-
Pontevedra non baixará o recibo da recollida de lixo, a pesar da rebaixa do canon de Sogama
Por Redacción |
-
Pontevedra recorrerá a última sentenza de Sogama á espera da decisión do Constitucional
Por Redacción |