"A xestión de Javier Domínguez en Xestur foi unha traizón aos veciños de Poio", di Luciano Sobral
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral afirmou que "a xestión de Javier Domínguez en Xestur foi unha traizón aos veciños de Poio".
Luciano Sobral chamou este xoves pola mañá ao seu ex compañeiro na corporación local de Poio para felicitalo pola súa nova responsabilidade tras ser nomeado presidente da empresa pública Sogama, ao igual que fixo cando foi designado como responsable de Xestur na provincia de Pontevedra.
Aínda que Sobral indicou que no goberno local se senten "defraudados" pola súa xestión como xerente de Xestur no que se refire ao malogrado polígono industrial de Fragamoreira. "Para nos a súa actitude non foi nada positiva para os intereses dos veciños de Poio e os do propio Concello", dixo o alcalde.
O rexedor nacionalista sinalou o "atraso e deixadez respecto a unha infraestrutura tan demandada e tan necesaria para o concello". Por iso, sinalou, "facemos responsable a Javier" xa que entenden que dende o posto de alta responsabilidade que mantiña nestes últimos anos "non fixo nada polo seu concello onde fora concelleiro do Partido Popular".
SOGAMA
Aproveitando que Javier Domínguez é agora o presidente de Sogama, o alcalde de Poio, pediulle que baixe as elevadas taxas que cobra ao que este respondeu cun locuaz "haremos lo que podamos", segundo trasladou Luciano Sobral.
En calquera caso o alcalde dixo desexarlle "éxito na xestión e que este repercuta na mellora dos servizos".