As alumnas de Esdemga gañadoras do concurso Talento y Co entregan o seu premio á Universidade
Por Mónica Patxot
Hai poucos días, un grupo de alumnas e tituladas dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) lograba o primeiro premio na Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, promovida pola plataforma Trendipia coa colaboración de Inditex.
Tratábase dun certame dotado dun premio de 50.000 euros, á que concorreron os principais centros de formación en moda de todo o Estado, "o que quere dicir que Esdemga está xa entre as mellores escolas de España", como salientou o reitor, Salustiano Mato, na recepción que nesta xornada se lle brindou a este grupo de alumnas na Casa das Campás.
Xunto ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e á directora de Esdemga, Lola Dopico, Mato destacou neste acto o orgullo que sinte a Universidade polo éxito acadado.
Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela, tres das representantes do grupo que hai uns días se facía con este premio, recibiron os parabéns das autoridades académicas nun acto que pecharon facendo entrega ao reitor do trofeo que obtiveron grazas á súa colección Human 2.0.
"Este premio demostra que temos talento para distinguirnos, que Esdemga forma a xente con capacidade de facer futuro no mundo da moda, en España e no mundo", salientou o reitor respecto dun galardón que, por outra banda, "supón un importante exemplo dun camiño no que cada vez están máis implicadas todas as facultades", o de desenvolver "proxectos que impliquen ao alumnado en traballos que os achegan ao mundo real, que os converten en auténticos profesionais ao mesmo tempo que se forman". Do mesmo xeito, Corbacho incidiu tamén no orgullo que supón para a institución un galardón "non só pon no mapa á Universidade e ao campus, senón tamén á propia cidade".
A RECOMPENSA A MESES DE MOITO TRABALLO
Competir en Talento & Co foi para Esdemga "unha experiencia moi interesante e moi esixente, tanto para as estudantes como para a propia escola", recoñeceu Lola Dopico. Non en van, implicaba desenvolver desde cero "un proxecto de moda por completo", no que non só se definise unha colección, senón tamén unha marca ou un espazo de venda. "Para nós supuxo un grande esforzo poder chegar ata aquí, só con ter podido chegar á final xa estabamos máis que satisfeitas e a cousa non puido acabar mellor", engadía Paula Sobrino.
"As estudantes tiveron que implicarse dun xeito tremendo e o proxecto esixiu tamén dunha participación importante da escola, ao tempo que tamén tivemos que buscar socios e cómplices", engadía Dopico, que agradeceu a colaboración prestada a esta iniciativa pola empresa Blusens, cuxa achega, xunto coa do deseñador industrial David Dopazo, permitiu completar unha das "grandes apostas deste equipo, a de introducir a innovación dentro do contexto da moda".
Grazas á súa colaboración, a serie de complementos que estas alumnas deseñaron para completar a súa colección puido incluír unha mochila, "cun deseño moi artesanal", pero dotada unha serie de elementos tecnolóxicos que permitían que servise tamén para cargar o móbil ou para avisar cando se recibise unha chamada.
"A innovación é algo que tivemos presente desde o primeiro momento", subliñou Raquel Chapela, que ao igual que as súas compañeiras, agarda con expectación o que será o epílogo a estes meses de traballo, o deseño dunha colección cápsula con algunha das súas prendas, que será comercializada a través do portal de Trendipia.
Relacionadas:
-
Elena Rial amosa o seu talento baixo os focos do Ego
Por Redacción |
-
Esdemga volverá estar representada no Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
O talento da Esdemga trasládase á galería Sargadelos
Por Diego Torrado |
-
A Esdemga, gañadora da primeira edición da Competición Nacional de Escolas de Moda
Por Redacción |
-
Esdemga faise un oco na final dun concurso estatal de escolas de moda
Por Redacción |
-
A Esdemga participa cun grupo de alumnas e tituladas nunha competición nacional de escolas de moda
Por Oskar Viéitez |