O proxectado tanatorio de Arcebispo Malvar, pendente das escavacións arqueolóxicas
Por Alejandro Espiño
Seguen os movementos en torno ao proxecto para instalar un tanatorio na parcela do antigo ximnasio Teucro, en Arcebispo Malvar. Trátase dun proxecto que impulsan as empresas Pompas Fúnebres e Alianza e Barros, baixo a denominación de Tanatorio das Correntes SL. A Comisión de Urbanismo concedeulles este martes unha licenza parcial para realizar unha serie de traballos arqueolóxicos.
O celo tanto do Concello coma de Patrimonio con esta zona é máximo, xa que aínda que non entra dentro do ámbito do plan especial de protección do Centro Histórico (Peprica) trátase dunha zona "sensible", segundo o goberno municipal. As escavacións realizadas para o frustrado proxecto do Museo da Historia revelaron que alí se situaba un tramo da antiga muralla, o peirao medieval e varias estruturas de vivendas.
De aquí que os promotores do proxecto teñan que realizar unha escavación arqueolóxica en profundidade, antes de poder autorizar a construción do tanatorio. Para iso, e debido a que se sitúan en zonas gañadas ao río, haberá que extremar as precaucións. As empresas terán que protexer todo este ámbito con micropilotaxes, un muro que funcione como pantalla ante as inclemencias das mareas e como protección do ámbito.
Trátase dunha actuación que custa 251.773 euros, un diñeiro ao que hai que engadir os 61.543 euros nos que está valorada a escavación arqueolóxica propiamente dita.
O PP PIDE REGULAR OS TANATORIOS
En relación a todo este proceso, o Partido Popular reclama que o goberno municipal elabore unha normativa que permita regular a instalación de tanatorios na zona urbana. O concelleiro Ricardo Aguilar afirmou que o Concello de Pontevedra "perdió la oportunidad" de facelo coincidir coa modificación puntual do PXOM para a instalación de crematorios.
Os populares recordan que fixeron esta solicitude por escrito hai uns meses para conseguir que, cunha ordenanza reguladora, non xurdan controversias como aconteceu coa intención de fornos crematorios na cidade. Entende que cunha normativa específica podería regularse as zonas onde poder situar instalacións deste tipo. O PP, dixo Aguilar, "tendería a que no estuviesen en el centro" da cidade.
Relacionadas:
-
Entregan ao Museo os primeiros restos da escavación de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
O Tanatorio das Correntes inicia a segunda fase da escavación arqueolóxica no soar de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
A aparición dun tramo da muralla medieval non afectará á construción do tanatorio de Arcebispo Malvar
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Patrimonio autoriza o proxecto arqueolóxico do soar destinado ao tanatorio de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
O proxecto de construción dun tanatorio en Arzobispo Malvar segue adiante
Por Redacción |