O clan de 'La Coneja' acepta 21 anos de cadea por vender cocaína e heroína no Vao
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Sete veciños do Vao pertencentes ao círculo íntimo de María Dolores Jiménez Gabarre, coñecida como 'La Coneja', aceptaron este venres unha condena conxunta de 21 anos de prisión por vender cocaína e heroína dende choupanas do poboado de Poio. A 'matriarca' non se sentou no banco dos acusados, pero si a súa filla, Rocío Giménez Jiménez.
Os sete acusados chegaron a un acordo coa Fiscalía antes da celebración da vista oral, de tal forma que este martes todos se sentaron no banco da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero non foi necesario que ningún prestase declaración. Limitáronse a aceptar dun nun a pena que se impoñerá nunha sentenza xa firme.
No banco sentáronse Rocío, Manuel G.J., María José G.B., José Luis A.G., Yolanda J.G., María del Rosario J.G. e Antonio J.J. dos que unicamente Rocío ten antecedentes penais computables. No seu caso, foi condenada a un ano de prisión en febreiro de 2013 por traficar con droga no Vao, nun xuízo no que 'La Coneja' tivo unha pena de tres anos de prisión. A pesar destes antecedentes, non foi condenado a unha pena maior que o resto porque o fiscal lle aplica unha circunstancia atenuante de drogadicción porque era consumidora de substancias estupefacientes.
Os sete procesados deste martes foron detidos pola Garda Civil o 25 de setembro de 2014 por actuar de común acordo para vender heroína e cocaína a distintos consumidores. Ese día realizouse unha redada no poboado na que se localizaron droga, efectos e 3.785,68 euros procedentes da venda destas substancias. Todo será intervido ao dictarse sentenza.
O total das substancias intervidas (vendidas e ocupadas no rexistro) pesan 13,248 gramos de heroína cun valor de 927,4 euros e 5,723 gramos de cocaína cun valor de 340,5 euros. O valor total das substancias intervidas ascende a 1.267,9 euros. Os sete procesados foron condenados a pagar unha multa por este mesmo importe.
Relacionadas:
-
Catro clans familiares do Vao confesan que vendían droga organizados por quendas para garantir sempre a subministración
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A última redada policial no Vao resólvese cun acordo entre Fiscalía e os sete detidos
Por Redacción |
-
Sete detidos nun operativo da Garda Civil no Vao
Por Oskar Viéitez |