Alerta na estación de bombeo de Monte Porreiro ante o novo temporal do mércores
Por Alejandro Espiño
O novo temporal previsto para o vindeiro mércores mantén en "alerta" aos servizos municipais. Preocupa principalmente o sistema de abastecemento de auga. Temen que a estación de bombeo de Monte Porreiro corra o risco de quedar inutilizada pola enchente do Río Lérez. O venres estivo a piques de facelo ao chegar case ata os seis metros de altura, un nivel moi próximo ao que se sitúan os cadros eléctricos da estación.
Tras asegurar que este domingo volveu rexistrarse "un pico" ao subir o nivel do río ata os catro metros "nada parecido ao venres", o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, destacou que desde o Concello de Pontevedra "estaremos vixiantes con este tema", especialmente de cara a este novo temporal no que se prevé que vaia chove con máis intensidade".
En todo caso, Raimundo González recordou que no ano 2000, na última actuación na estación de bombeo, eleváronse os niveis de altura da estación de bombeo e os cadros eléctricos. Apuntou ademais que, en virtude do convenio con Acuanorte para o abastecemento de auga en Pontevedra e a súa ría, volverase a subir a cota de altura de todo o complexo de bombeo de Monte Porreiro.
"Iso non quita para que se hai chuvias torrenciais non poida volver pasar, pero nun principio debería poñer punto e final a estes problemas", explicou o edil nacionalista.