Fin á folga de Lantero: sen despedimentos tras 118 días de loita obreira
Por Redacción
Tras case catro meses de folga -este sábado cumpríanse 118 días-, por fin rematou o conflito laboral en Lantero. Era o paro indefinido máis longo da historia de Galicia. Pero o máis importante é que finaliza con boas noticias para os seus traballadores. Un acordo coa dirección empresarial permitirá que non haxa despedimentos, a cambio de aceptar un ERE temporal que durará como máximo 21 meses.
A desconvocatoria da folga na empresa cartoneira foi acordada este mediodía nunha asemblea de traballadores celebrada en Vilagarcía. Nela ratificouse o preacordo alcanzado coa patronal. Os empresarios aceptaron finalmente que, tal e como esixía o plantel, non se producisen despedimentos e se readmitise aos 48 afectados polo ERE, entre eles o presidente do comité de empresa.
A cambio de suprimir os despedimentos, os traballadores aceptaron que a empresa poña en marcha un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) que afectará seis meses a cada un deles. Durante ese tempo, os empregados de Lantero non perderán poder adquisitivo, xa que a empresa se compromete a aboar un complemento ao subsidio de desemprego ata chegar a cobrar íntegra a súa nómina.
Ademais, haberá unha redución salarial dun 10% de media. Este recorte afectará a aqueles que máis cobran. Estará vixente uns 42 meses e non afectará aos que teñan unha nómina inferior aos 20.000 euros anuais.
A pesar de que non se vaian producir despedimentos, Lantero si prevé ofrecer baixas voluntarias e prexubilacións, aproximadamente unha vintena. Aqueles traballadores que o acepten iranse cunha indemnización de 35 días por ano cotizado, cun máximo de 27 mensualidades.
O acordo foi ratificado por preto do 80% da asemblea de traballadores e pon fin a un conflito laboral que, segundo o presidente do comité, Jesús López, supuxo moito "sufrimento e rabia" para o equipo, composto por 131 persoas.